O rock caldeará a Dorna

BARBANZA

As bandas de Ribeira terán a oportunidade de tocar nun macroconcerto fixado para o 22 de xullo

09 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A música cobrará un protagonismo especial na edición da festa da Dorna deste ano. Ademais do concerto previsto para o día grande das celebracións, o 24 de xullo, para o que aínda están por pechar as contratacións, o 22 haberá un macrofestival no que os grupos locais terán a oportunidade de darse a coñecer.

Así se anunciou na asemblea de peñas que tivo lugar o pasado fin de semana, na que se decidiu abrir o prazo para que os grupo que desexen tocar neste festival se anoten. Á súa disposición terán un escenario, a instalar no parque García Bayón, e un equipo de son. O obxectivo é que se inscriban antes de que conclúa este mes, xa que a comezos de xullo celebrarase unha xuntanza na que se decidirá o calendario de actuacións. As bandas interesadas teñen á súa disposición un número de teléfono, o 617 535 761.

Na xuntanza de peñas dorneiras tamén se elixiron os debuxos que engalanarán este ano as sudadeiras e o cartel promocional da festa. Para as primeiras, a ilustración seleccionada foi a presentada por Andrés Sieira; mentres que para os carteis optouse polo deseño de Jesús Miniño. O presidente da Confraría, Fran Martínez, destacou o interese que este ano espertou o certame: «Para as sudadeiras presentáronse tres deseños e para os carteis, catro».

Proxección de vídeos

Nesta edición da Dorna tamén se recuperará unha actividade que foi moi exitosa no pasado pero que se perdeu nos últimos anos, a proxección de vídeos. Terá lugar o día 19, na praza de Vigo, e nela poderán participar todas as persoas que o desexen. Os promotores da festa xa se puxeron en contacto co obradoiro audiovisual Rodaxe, que aceptou presentar os seus traballos nesta xornada.

A confraría tamén quere realzar o desfile facho dorneiro, co que se abrirán as celebracións o día 17. Para iso, ampliará o percorrido da comitiva, que arrancará en Coroso e concluirá no parque de Pedra Pateira.

Os promotores da Dorna convocarán unha nova xuntanza para finais de mes, na que se distribuirá a organización das actividades. Iso si, xa lanzan unha mensaxe: as peñas que se comprometan a preparar cada un dos xogos e logo non aparezan serán expulsadas.

A confraría ten un correo electrónico, dorneiros@gmail.com, a disposición dos interesados en colaborar.