Se algún quere retornar á natureza e á máis fermosa das paisaxes, que aparque o coche e visite a parroquia de Posmarcos, na Pobra. Que camiñe entre a perfecta simbiose de vexetación e granito, entre o recendo das mil flores e o murmurio único da auga do río Lérez. A unha e outra beira deste río: Montañó, Sampaio, As Taras, Pumadiño, Ouxo? En fin, un soño para calquera que ame a toponimia ou simplemente a música das palabras. As Taras, aldea de catro habitantes, a catro quilómetros do Concello, comparte con Taragoña e Taramancos a orixe común do seu nome: a base prerromana *tar «altura, outeiro, monte rochoso». Na provincia de Leinster, en Irlanda, hai un lugar chamado Tara (Hill of Tara), moi emblemático e máxico porque alí, ante a Lia Fáil (Pedra do Destino), eran coroados os Grandes Reis de Irlanda. O seu nome, Outeiro de Tara, tamén nos fala dun lugar elevado.