A incorporación de oito mozos de entre 15 e 20 anos garante a continuidade de Teatro do Improvisto
16 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Boiro é un dos municipios barbanceses no que máis activo está o eido cultural. Queda demostrado na cantidade de novos valores artísticos que amosan o seu traballo na sala de creadores do centro social, a través do proxecto Leñaverde. Pero, dende hai un tempo, unha nova fornada de actores está a dar os seus primeiros pasos escénicos da man de Teatro do Improvisto.
De feito, daquela ducia de afeccionados á representación que hai quince anos puxeron en marcha esta compañía, só quedan catro na actualidade: Chefi Campaña, Miguel G. Barreiro, Esteban Silva e Gustavo Dieste, que exerce como director da agrupación. A eles hai que engadir a Marga Fajardo, que se incorporou hai xa un tempo.
Aínda que co paso do tempo producíronse moitas baixas, a continuidade da compañía boirense queda garantida pola incorporación dun grupo de mozos de entre 15 e 20 anos. Trátase de Ruper Sánchez, Kyra Suárez, Adrián Lorenzo, Moncho Laíño, Cristian Rodríguez, Noemí Fraga, Sara Nieto e Rocío Sánchez.
Parte deles están xa a participar na obra que ten en cartel Teatro do Improvisto, Madrugad a, un texto de Buero Vallejo co que o elenco está a percorrer diversas localidades de Galicia. De feito, mañá será representada en Vimianzo, o día 29 en Boiro e o 31 en Rianxo.
Nova montaxe
Pero a gran estrea desta nova fornada de actores producirase antes do verán, cando se poña por vez primeira en escena a función que a agrupación boirense leva ensaiando varios meses: O lado torto do mundo . Trátase dunha comedia sobre os dereitos humanos que ten un lado dramático. De feito, presenta cuestións como os malos tratos a modo dunha parodia que se completa con duros monólogos.
Non será a primeira vez que os integrantes de Teatro do Improvisto se enfronten nun escenario con este estilo, baseado na realización de reflexións persoais en voz alta, xa que varios actores desta compañía foron protagonistas das sesións de monólogos que se desenvolveron na Estación Leñaverde. O seu resultado foi moi positivo, xa que no segundo dos espectáculos tivo que quedar xente fóra por falla de aforo na sala. A compañía boirense non descarta repetir a experiencia, tanto na localidade boirense como noutra cita da súa xira por Galicia.