Case douscentos escolares rianxeiros reuníronse en Campo Maneiro para correr na honra da lingua de Castelao
16 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.¡Pés, para que vos quero! Iso deberon pensar onte os case douscentos escolares de Rianxo -e tamén algúns pais- que botaron a correr na coñecida como Carreira das Letras; unha competición cuxo gran premio, igual para todos, corresen ao ritmo que corresen, era lembrar a Ramón Piñeiro e facerlle unha singular homenaxe á lingua e literatura galegas. Con este obxectivo por banda, a media mañá, reuníronse en Campo Maneiro nenos chegados das escolas de Abuín, Capela, Cruceiro, Cubide, Outeiro, O Pazo, Quintás, Rañó e Vacariza -que compoñen o Colexio Rural Agrupado-, aos que se sumaron rapaces do centro Brea Segade de Taragoña.
Primeiro, por grupos, os nenos participaron nas carreiras. Todos eles levaban dorsais coas cores da bandeira galega. Mentres uns corrían, aos outros tocáballes esperar na herba e mostrar as pancartas feitas para a ocasión, todas elas alusivas ás Letras Galegas e ao homenaxeado deste ano, Ramón Piñeiro, do que todos os rapaces eran capaces de contar algo. «Ensinounos moitas cousas del a mestra», dicía unha nena de nome María.
Os Maios
Mentres algúns rapaces presumían das pancartas que levaban e competían por ver que escola lograra lucirse máis, outros aproveitaban para descansar da longa carreira: «Hai, que cansa estou», oíaselle dicir a unha nena que, sen embargo, saíu disparada en canto unha das profesoras pronunciou a frase máxica: «Veña, que imos facer o Maio».
E é que, despois de correr, tocaba sentarse nun círculo para preparar o Maio e todo o ritual que acompaña a esa tradición galega. E non sería esa a única boa nova. Non en van, había preparado todo un convite para que os pequenos recuperasen os folgos. Todo iso aderezado de alusións ás Letras Galegas que mañá están de aniversario.