Meses despois de que se cumprira un dos seus desexos para este ano, que o Partido Popular gobernara a Xunta, Freire fai balance destes dous anos de xestión
06 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.No ecuador do seu segundo mandato como rexedor do Concello de Lousame, Santiago Freire asegura que ao longo destes 24 meses executáronse boa parte dos compromisos, pero tamén que aínda faltan algúns dos de máis peso. Por iso é moi contundente á hora de manifestar que loitará por elas ata o punto de «dar a tabarra».
-Saliente algún aspecto importante da súa xestión ao longo destes dous anos.
-Neste mandato avanzouse nunha cuestión que nós entendemos que é importante, como é o feito de dotar a varios núcleos dunha rede municipal de augas. Para iso construíronse tres depósitos nas zonas de Merelle, Cruído e Vilacoba. Agora estanse conectando estas instalacións cos núcleos e penso que no verán poderán estar dando servizo. Paralelamente, tamén se instalarán máis noutras zonas. Outra das cousas que me gustaría resaltar sobre isto é que se continuou coa ampliación da rede de saneamento e que se están levando a cabo actuacións e melloras en varios accesos do municipio.
-Pola contra, ¿de que elementos da súa xestión está menos orgulloso?
-Hai temas que estiveron bloqueados durante estes anos, como poden ser o da captación de auga do polígono de Fontefría, que esperamos que se avance en breve, porque iso é algo moi necesario. E tamén noutros proxectos nos que non atopamos suficiente colaboración por parte da anterior Xunta de Galicia.
-Por certo, ¿como eran as súas relacións co bipartito?
-En xeral de respecto institucional, polo menos por parte do Concello. Pero botamos en falta que algunhas promesas nunca se fixeran efectivas e entendemos que hai determinadas cousas que nunca se cumpriron.
-Despois das eleccións houbo comentarios de que Feijoo lle ía ofrecer algún cargo, ¿foi vostede tocado pola variña do presidente?
-Houbo comentarios dese tipo. Entre Teresa Villaverde e eu nalgún momento tratamos a posibilidade de que un seguira no Concello e o outro fora para a Xunta. Eu optei pola opción de continuar na alcaldía e de que fose ela a que optase á algún posto. Estamos á espera. As posibilidades poden ir por aí, e dependendo de cal sexa a proposta, estudarase.
-Despois do cambio de cor da Xunta volveu a saír á palestra o trazado da variante, ¿como está a situación?
-Temos un compromiso claro de seguir para adiante coa variante, e así o manifestou o novo conselleiro do Territorio, Agustín Hernández. A intención do conselleiro é retomar de inmediato o trazado coa ponte sobre a ría, enlazar a estrada Noia-Padrón e Noia-Boiro a través de Portobravo e Tállara, coa correspondente ampliación do vial, e tamén que quede definido o tramo da variante interior.
-Por certo, ¿que será o primeiro que lle pida ao novo goberno?
-Xa iniciamos algúns contactos. Por esta orde, serán a construción da estrada entre Tállara e Portobravo, que se adquira un compromiso firme de sacar adiante o proxecto de restauración do poboado de San Finx para poder abrilo ao público e a colaboración para poñer dunha vez por todas en marcha o polígono industrial. Estes serán os tres eixos sobre os que máis insistirei ao Goberno.