CRÍTICA
(Un diálogo coa representación de Gao Xingjian) «La solitude est une condition nécessaire de la liberté» ...e, aínda máis, se xogásemos ás inversións, «La liberté est une condition nécessaire de la solitude», un atraínte quiasma entrecruzándose nos septos da condition? E, entón, por que a soidade é unha condición necesaria da liberdade? Imprescindíbel? Inevitábel? Polo seu carácter de conquista ardua, espiñosa, agraz, e, como non!, penosa; polo seu carácter de adquisición, de esfoliazón-descamazón-agame; polo seu carácter de abandono, por todo o que hai que ir deixando atrás sen esquecemento posíbel, desbotándoo coa violencia coa que se arrincan as malas herbas, e ata as algo mellores?
E, nese proceso de «compromiso-débeda-axuste», o primeiro e o derradeiro traballo consiste en deixar de lado (esgueirar?) a carauta, esa máscara-persoa que non significa nada máis que imaxe ou representación. E, iso é a fotografía (videoretrato) que Robert Wilson lle fixo ao Premio Nobel chinés de Literatura (ano 2000) Gao Xingjian: unha representación de alguén que non quere máis «pestanexos», de quen non quere máis «esgazóns» entre a luz e a sombra, «furtar» as penumbras?
Porque, xa que logo, perder sempre é máis afanoso que atopar ( velaí as revolucións), desaferrarse é máis sacrificado que amorear (velaí, de novo, as revolucións), porque do que se aprende pode un «desprenderse» (velaí?) e, porque, como dixo algún filósofo, estamos nuns tempos nos que ¡¡non pensamos!!; de feito, xa levamos tanto sen facelo que non sería estraño que estivésemos camiñando cara á nosa orixe máis salvaxe? e, porque non facemos outra cousa que «pestanexar», hipnotizados polos escintileos das palabras («Mirade! Eu amósovos o home derradeiro. Que é amor? Que é creación? Que é arela? Así demanda o home derradeiro e pestanexa»), polo tremeluzo das cousas, polas intermitencias: (O pestanexo relaciónase coas «escintilacións intermitentes», co «brillo», coa «aparencia». Pestanexar significa procurar e bloquear? unha aparencia que se consensúa como algo válido, o que se produce? co acordo de non seguir a procurar o bloqueado). Nós inventamos a felicidade, din os homes derradeiros! E, pestanexan.
Porén, na fotografía-representación dalgún Gao Xingjian, que pode que fose Premio Nobel de Literatura no ano 2000 e, aínda máis, pode que nacese en China, e que China estea no noso Afastado Oriente?, está lonxe de percibirse a sensación de paz e de quietude que se lles ten outorgado, por parte de moitos espiritualistas á imaxe da serenidade na que ancoran aqueles que acadan o estado unitivo (satori, etcétera). E, sen embargo, ten moito da fasquía que todos estes amosan no seu proceso: o xesto de «parto espantoso» que toda toma de conciencia implica (velaí as revolucións?). Prisión-presión para quen non quere saír de si, purga para quen quere atoparse, saberse, pensarse, «cicatrizarse», ao xeito das sementes nas vaíñas, sempre a piques de rebentar, comprometidas?
«Hay que defender la soledad en la que se está». María Zambrano