O Ateneo rexistrou un cheo absoluto con motivo da charla sobre a construción da gran pirámide de Keops
21 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Dende hai tempo, o Ateneo Valle-Inclán de Ribeira ven programando de forma periódica conferencias sobre Exipto, que soen correr a cargo de Luis González, un afeccionado na materia. Pero o pasado sábado, ata a sala desprazouse un auténtico especialista, o membro da Asociación Española de Egiptología Francisco de Paula, cuxa disertación espertou gran interese.
Ante un Ateneo abarrotado, De Paula falou das teorías máis plausibles que se barallan para explicar a construcións das pirámides, concretamente da do faraón Keops. Referiuse a catro métodos tecnicamente posibles: ramplas rectas usadas para arrastrar bloques de pedra, desniveis externos de carácter perimetral, unha galería interna ou balancíns.
Antes de profundar en cada unha destas teorías, o relator informou sobre as características máis relevantes da pirámide de Keops, sinalando que presenta unha base cuadrangular de 230 metros, unha altura de 150, un total de 218 ringleiras, un volume de 2,6 millóns de metros cúbicos e un peso de 7,4 millóns de toneladas. Segundo as súas estimacións, esta construción ten tres millóns de bloques polo que, para estar feita en dúas décadas, tal e como figura en algúns escritos, foi preciso elevar 1.033 bloques por día.
Argumentos
Baseándose nestes cálculos, De Paula rexeitou a teoría das ramplas rectas, sinalando que o seu volume tería que superar en dez veces o da propia pirámide, e tamén o da perimetral, apuntando que o seu uso requiriría 125 anos para construír o sepulcro.
Para o especialista tampouco é factible o uso dunha rampla interna, ao considerar que serían precisos 50 anos para construír os primeiros 43 metros da pirámide. De Paula decantouse polo método dos balancíns, instrumentos con características semellantes a unha grúa torre actual. Explicou que xa o historiador grego Herodoto se referiu a este sistema fai 25 séculos ao dicir que os obreiros exipcios ían elevando e subindo as pedras xa labradas con certa máquina formada por madeiros curtos que, alzándoas dende o chan, eran colocadas no primeiro orde de gradas, dende con outra máquina se subían ao seguinte e así sucesivamente.
A sesión sobre Exipto celebrada no Ateneo concluíu coa intervención do edil Luciano Fernández.