De pequenos, en galego

J.?M. Jamardo

BARBANZA

Decenas de nenos dos municipios de Porto do Son, Boiro e Ribeira participaron no Axóuxeres

07 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Os Encontros dos Axóuxeres arrasaron na comarca. Na fin de semana, os cativos de Porto do Son, Boiro e Ribeira tiveron a oportunidade de participar nunha iniciativa posta en marcha pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración cos respectivos concellos, para fomentar o uso do galego entre os máis pequenos. Nas tres localidades, as xornadas foron un auténtico éxito. O idioma semella que está vivo e con programas coma estes, o futuro, asegurado.

As cancións e as conversas foron o fío condutor entre os artistas do grupo Galitoon, que nesta ocasión encargáronse de animar as xornadas deste ano.

Unha das cousas que máis chamou a atención dos organizadores, ademais da grande participación, foi a implicación dos pais.

A responsable do departamento de política lingüística de Ribeira resaltou que a experiencia tivo unha excelente acollida, «foi impresionante ver a tantos nenos no escenario, acompañados dos seus pais». Iso si, a técnica recoñeceu que o lugar onde se celebrou, o auditorio, prestábase tamén para esta edición. Santa Uxía participou por segundo ano consecutivo nesta experiencia e na que pensan volver repetir en próximas ocasións, se é posible.

Alta participación

O Centro de Interpretación de Baroña foi o primeiro dos escenarios no que se celebrou o Axóuxeres este fin de semana en Barbanza. O espectáculo recalou na vila sonense o venres. O concelleiro de Cultura, Carlos Santamaría, cualificou de xeitosa a xornada pola alta participación.

Xa o sábado ao mediodía, os nenos de Santa Uxía puideran gozar cos membros de Galitoon durante unha hora, que para a maioría dos proxenitores foi escasa, pois cando ían saíndo aseguraron que foi moi a présa.

Pola tarde do mesma xornada foran os cativos de Boiro os que comprobaran as dotes interpretativas dos artistas. A casa de cultura tamén viviu un cheo de asistencia de público.

Os animadores encargábanse de promover conversas dos máis cativos cun boneco. Tamén cantaban cancións curtas e fáciles de aprender. As interpretacións eran o fío condutor dun acontecemento no que ademais dos cativos tamén interactúan os pais. O espectáculo volverá á comarca o próximo día 24, que estará na Serra de Outes.