Sementando nubes

Agustín Agra

BARBANZA

Chegou, co ventre cargado de ameazas, cara a finais de xaneiro. En Protección Civil puxéronlle cor -laranxa- e apresuráronse a dar a alarma; na Consellaría decidiron suspender as clases e case duascentas mil rapazas e rapaces quedaron ao quente, abrigadiños no tobo. El limitouse a cumprir co labor que supostamente o define: avanzou con rapidez, deixou ceiba a rabia que contiña e bateu con canto se lle puxo a tiro -mesmo tivo folgos para revirar o tendido eléctrico-, deixando tras de si o mundo do revés. Unha boa morea de quilómetros por hora -até 198 en Bares, batendo de lonxe a mítica marca do Hortensia- e ondas de 20 metros, foron as súas credenciais.

O tempo cambia, rula co vento; muda coa lúa e coa marea, coas témporas. Ventar ventou sempre, sempre. Que máis ten a terminoloxía que empreguen. Poden poñerlle o nome que lles pete, chamarlles ciclóns extratropicais ou bombas meteorolóxicas e dicir que a culpábel da súa formación é unha cicloxénese explosiva; mais o certo é que os temporais non son cousa de hogano, hóuboos toda a vida, recórdannos cada día os vellos.

Klaus, o primeiro ao que puxeron ese nome -antes de que esgotasen o santoral e comezasen a repetirse-, chegou durante a madrugada do 30 de setembro de 1973 bourando como un poseso; malia que, de seguro, o fixera sen que ninguén dese o aviso. Eu durmira aquela noite o meu sono de sete anos, alleo aos seus fogos de artificio. Cando, á mañá seguinte, miña nai me levantou para ir á escola, a súa ira xa estiñara. Non foi preciso máis que abrir a porta para descubrirmos con arrepío que o hórreo estaba no chan, coas súas pedras ciscadas horta adiante, e que a metade do tellado da casa voara, levados ambos os dous -tellado e hórreo- polo vendaval inmisericorde.

Clima arroutado

O tempo cambia acotío, eu xa o dixen e vós xa o sabiades, pero o clima ten un carácter menos volúbel, adoita permanecer estábel, apenas mexido polas súas oscilacións anuais, durante séculos. Entón por que é el, o clima, quen anda arroutado, rulando entolecido dende as secas enconadas até as tormentas sen xeito? A resposta a esta mudanza climática témola nós, seguro. Témola cada un de nós, malia que, quizais polo que implica a nivel persoal, nos amole confesalo. Poida que dous temporais en dúas semanas non sexan outra cousa que o froito da casualidade, que a estatística non indique nada anormal e que os parámetros estean dentro do rango dos seus límites; mais eu ando coa impresión de que algo anda mal, e de que se a miña avoa estivese aquí poñería fasquía de anoxo e acenaría cara aos lados coa cabeza. Para ter a certeza absoluta de que eu tamén comparto a miña parte de culpa só me faltaría sentir a súa ollada chantada na miña e escoitar unha das súas esmagadoras sentenzas: «Quen sementa nubes... recolle tempestades».