Catro alumnos do colexio lousamiano Cernadas de Castro quedaron segundos de Galicia no Xogo da Bolsa
21 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Que a economía anda mal é ben sabido por todos, pero tamén é certo que aqueles que se saben mover no complexo mundo das cotizacións poden acadar grandes ganancias. E iso é algo que coñecen moi ben catro alumnos do colexio lousamiano Cernadas de Castro, posto que conseguiron, nada máis e nada menos, que alzarse co segundo premio a nivel galego do Xogo da Bolsa. Un concurso organizado por Caixa Galicia no que os rapaces tiñan que obter, comprando e vendendo accións, as máximas ganancias posibles a partir dunha cantidade inicial de cincuenta mil euros.
Pero ¿de onde sacaron tantos cartos? O xogo era ficticio e as compras de accións facíanas a través de Internet. Pero bromas aparte, o certo é que este equipo da comarca, que decidiu chamarse Os Tiburóns, chegou á final do concurso cunha cantidade monetaria de 80.785 euros, só 2.000 por debaixo dos primeiros clasificados, un equipo de Monforte.
Final europea
E con tantos cartos, non é de estrañar que nalgunha ocasión chegaran a estar colocados na primeira posición a nivel europeo do xogo, da que se despediron de maneira precipitada por culpa da súa ambición.
«Chegamos a dobrar a cifra inicial coa que empezamos a xogar e tivemos a posibilidade de ir ver a bolsa de Frankfurt, pero a ambición foi o que nos fixo perder cartos e quedar en segundo posto», di Juan Ramón Peña, mestre do Cernadas de Castro e coordinador deste equipo e doutros dous máis que participaron na oitava edición do Xogo da Bolsa, posto inicialmente en en marcha no ano 1983 pola Editorial de Caixas de Aforros Alemáns.
«Eu pregunteilles aos rapaces se querían quedar primeiros a nivel nacional e viaxar a Alemaña, e eles dixeron que si. E para iso tíñamos que arriscar», di o mestre antes de aclarar que se o último día do xogo non fixeran ningún tipo de operación houbesen quedado primeiros de Galicia, porque superaban por bastantes cartos aos gañadores.
En canto se lle pregunta se os nenos aprenderon moito, posto que eles prefiren non falar, asegura que quizais non todo o necesario, «porque especulamos moito e probamos a facer moitas operacións».
Este mestre relata que, o que máis lles enganchou aos rapaces «foi o feito mesmo de xogar, e non o misterio da bolsa».