A familia sonense Pérez Lema desafía todos os días o risco arrincando un dos tesouros máis prezados da costa aguiñense, os percebes
22 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.É unha das profesións máis arriscadas do mundo, ou iso din: a de percebeiro. E algo de certo debe ter cando este produto alcanza nos mercados prezos prohibitivos. Con todo, para eses curtidos homes, e cada vez máis mulleres, que se dedican a esta actividade, «non é para tanto». Ou iso é o que di José Manuel Pérez Pérez, un experimentado mariñeiro que vive no lugar sonense de Caamaño, pero que desde hai uns vinte anos dedícase á captura deste crustáceo.
Co paso do tempo foi enrolando na súa embarcación á familia. Primeiro a súa muller incorporouse a esta actividade hai uns once anos. O último en subirse a bordo foi o seu fillo José Manuel, con tan só 18 primaveras ás súas costas. «Somos unha familia e traballamos xuntos», recoñece o proxenitor. Saen xuntos de casa e regresan xuntos, algo que «non todos poden presumir desto».
José Manuel Pérez recoñece que se dedican a unha profesión de bastante risco, pero «economicamente é unha das máis rendibles, máis que calquera outra profesión do mar e ademais, son menos horas de traballo», subliñou.
Experiencias
O cabeza de familia relata que logo de dar tombos por diversos oficios, entre eles a albanelería, pasou ao mar. Primeiro dedicouse á extracción de ameixa, para acabar no percebe. Recorda que hai uns vinte anos «eramos uns trinta os que andabamos en Aguiño a este oficio». Como tiña unha praza na súa embarcación, «metín á muller, pois estaba nunha fábrica de conserva e comigo ao mar gañaba máis»
A última incorporación produciuse hai uns dous anos. «Ou rapaz quería ir ao percebe e mellor connosco. Gústalle este oficio e non quixo facer outra cousa».
Sobre o seu fillo, recoñece que lle falta experiencia e cando están de fronte cos embates do mar e os perigos das rocas «estamos moi pendentes del, pero pouco a pouco vai aprendendo. El vai contento a traballar e, ademais, ten madeira de percebeiro», manifesta.
O risco está presente cada día nas súas vidas profesionais. Pérez Pérez comenta que moitos sustos non se levou ata o momento, pero «algunha lesión si, pois tes accidentes con bastante frecuencia», recorda.
A convivencia a bordo é moi levadeira. Iso si, «no mar mandamos todos, aínda que algo máis eu, porque teño máis experiencia que eles e ao que digo, obedecen sen ningún problema, e ademais, son o patrón», comenta José Manuel Pérez.
O mar é unha importante fonte de riqueza. E o primoxénito sábeo perfectamente: «O mar hai que coidalo porque senón esgótase».
Quere que o seu fillo viva desta profesión, pero que non se confíe: «Sempre hai que estar moi atento, pois o mar é moi traizoeiro. Eu só lle digo que traia menos marisco se fai falla, pero máis calidade». A vida do percebeiro non é fácil, pero «dá para vivir a pesares dos perigos aos que te tes que enfrontar». A pesar do risco, José e a súa familia están a gusto co seu traballo.