Barbanza premia o talento

BARBANZA

Cinco entidades da comarca teñen convocados outros tantos certames de literatura, poesía e pintura

11 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A proliferación de artistas e de iniciativas de carácter cultural en Barbanza é un reflexo da importancia que este eido está a acadar na comarca. Para impulsalo aínda máis, concellos, museos e entidades apostan con forza pola convocatoria de certames con incentivos económicos. Nestes intres está aberto o prazo para a presentación de creacións en cinco concursos de literatura, poesía e pintura.

Un dos certames de maior envergadura é o convocado polo Museo do Gravado de Artes. A súa importancia radica na contía económica dos premios, xa que se repartirán un total de trece mil euros, pero tamén no carácter internacional que ten. Baixo o nome de Atlante, este concurso de gravados permitirá que a sala ribeirense se dea a coñecer en numerosos países.

O museo enviou as bases, que poden consultarse na páxina web www.fundartes.es , a diferentes escolas de arte e administracións de todo o mundo. O prazo para a presentación dos traballos rematará o 15 de abril.

Tamén en Ribeira seguen a recepcionarse as obras da segunda edición do concurso internacional de novela curta Cidade Centenaria. Trátase dunha iniciativa que parte da Concellería de Cultura e na que se establece unha aportación única de tres mil euros. A ela poden sumarse todas as persoas que o desexen, sempre e cando sexan maiores de idade, presentando un texto de entre 80.000 e 120.000 carácteres escrito en lingua galega. O prazo para remitilo á casa consistorial concluirá o vindeiro día 28, aínda que a identidade do gañador non se fará pública ata finais de marzo.

Relatos en Noia

Tamén a Concellería de Cultura de Noia aposta pola organización de certames artísticos. Xunto coa revista Casa da Gramática , ven de convocar unha nova edición do concurso de relatos de aventuras Avilés de Taramancos, dotado con tres mil euros e cunha figura deseñada polo artista local Alfonso Costa.

Para participar nesta iniciativa chega con escribir un texto de entre 70.000 e 100.000 carácteres e facerllo chegar ás entidades promotoras antes do vindeiro 17 de abril.

Os que desexen amosar as súas dotes no eido do deseño gráfico teñen á súa disposición un concurso convocado por primeira vez polo departamento de Cultura noiés co fin de elixir o cartel anunciador da XII Feira Medieval. As obras deben ser de 50 por 70 centímetros, en sentido vertical, e o prazo para entregalas rematará o 20 de marzo. O gañador recibirá 600 euros.

Outes tamén premia a creación, concretamente no eido da poesía. O Concello xa publicou as bases da décimo terceira edición do certame Francisco Añón, no que se establecen seis galardóns para os gañadores en outras tantas categorías, en función da idade dos aspirantes. O máis importante é de mil euros e está destinado aos maiores de 18 anos.

As persoas que desexen participar neste concurso deben facer chegar as súas propostas, que terán unha extensión mínima de 150 versos, á casa de cultura da localidade outiense. O prazo para facelo concluirá o 13 de abril.