O Concello de Noia fomenta a lectura deixando obras literarias soltas en rúas e establecementos da vila
17 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O Concello de Noia mantén a súa particular cruzada en favor do fomento da lectura, por iso, hai un par de semanas, puxo en marcha unha iniciativa coñecida como solta de libros ou bookcrossing, cuxo lema é Ler e liberar.
Pero ¿que é iso? Pois nada máis e nada menos que unha idea que ten como fin crear unha especie de biblioteca na rúa, onde os libros se intercambien entre a xente. Con este proxecto, posto en marcha pola Concellería de Cultura, á fronte da cal se encontra a nacionalista Loli Caramés, e na que están implicados dous establecementos hostaleiros, Babilonia e A Tasca Típica, así como a biblioteca municipal, preténdese achegar o hábito da lectura a toda a xente.
Para participar no ciclo, pois a idea é que despois de ler os libros estes volvan ás rúas, «só hai que collelos nos lugares designados para iso e levalos para a casa», como apunta Francisco Gallardo, xerente do Babilonia.
As obras literarias que andan por aí soltas, preto dun centenar e de temática moi variada, levan unha identificación na portada que anima aos viandantes a levalas para a casa cunha mensaxe que reza: «Son un libro libre, cólleme».
Participación cidadá
Pero para que a idea se leve a cabo é moi importante que os cidadáns cooperen como é debido, pois de nada vale levar o exemplar se este non volve a ser deixado na rúa. «A xente ten que ler os libros e deixalos de novo nun lugar, que non ten porqué ser o mesmo no que o colleu. Isto é moi importante porque se non rómpese a cadea e acabouse a historia», asegurou Gallardo antes de afirmar que «no meu local deixaron 25 volumes e só quedan cinco», o que demostra que a iniciativa está a ter moi boa acollida.
Ademais, cada un dos libros leva un diario de viaxe que os lectores poden cubrir, co fin de ver canta xente leu esa obra e por onde estivo. Por outra parte, aqueles que se sumen á idea teñen a oportunidade de participar nun foro social que o Bookcrossing creou para España. Facelo é moi sinxelo, pois só hai que ir ao libro, mirar o BCID (uns números identificativos) e metelos na páxina web www.bookcrossing.es, dende a que os lectores poderán falar con outra xente sobre esa obra.
Da mesma maneira, os impulsores da solta animan a quen queira participar neste proxecto a que liberen das súas baldas libros propios co fin de que estes cheguen a todos os cidadáns.