Xusto antes da vendima, no outono fecundo en cores e aromas, percorrín a comarca do Ribeiro. Admirei non só o sabor das uvas, senón tamén a fertilidade da terra. No concello de Melón, na ladeira dun pequeno outeiro, un conxunto de hórreos son testemuña desta fertilidade e da comuñón dun pobo enteiro nos traballos agrícolas. Os hórreos, paneiras, cabaseiras ou canizos son construcións ancestrais, antes cubertas de palla ou canas. Da palabra latina canna deriva *canicium. Así, o concello de A Cañiza debe o seu nome aos canizos ou canizas. A Canisa, no núcleo da Mirandela do concello da Pobra, aplicado apenas a unhas poucas casas, aludirá mellor a un lugar con canas que ao nome do hórreo mencionado. Pero gustaríame que os hórreos de Melón, ou A Merca, ou do norte de Portugal fosen irmáns dos nosos, e que algún día documentos antigos demostrasen que se chamaron igual.