A necesidade de aforrar auga

BARBANZA

Os veciños de Ribeira coñecen estes días trucos para reducir o consumo do líquido elemento nos fogares

07 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A abundancia de auga en Galicia por ser unha das comunidades de España que máis precipitacións rexistra é un mito que os biólogos Francisco Javier García e Ana María Fernández tentan estes días desterrar en Ribeira. Estes especialistas son os encargados de impartir os obradoiros promovidos pola Concellería de Medio Ambiente para sensibilizar á poboación sobre a necesidade de reducir o consumo de auga.

Para conseguir o seu obxectivo, os biólogos comezan as súas intervencións cunha radiografía do servizo municipal de auga potable. Así, expoñen que o líquido elemento que se consume no municipio procede de dúas captacións situadas en Palmeira e de sendas traídas dos ríos Sieira e Ulla. Neste último caso, a auga ten que ser transportada ao longo duns corenta quilómetros, o que implica un gasto enerxético importante.

Co fin de que os veciños comprendan o problema, os especialistas poñen de manifesto que nos últimos 14 anos, o consumo de auga aumentou en Ribeira nun 40%, mentres que o balance hídrico da estación que Meteogalicia ten en Corrubedo arroxa un resultado negativo, é dicir, a natureza produce menos líquido do que se gasta no municipio.

Guía de boas prácticas

Unha vez que os cidadáns son conscientes da delicada situación, Francisco García e Ana Fernández danlle unha serie de consellos para que aforren auga. Nesta guía de boas prácticas inclúese dende a adquisición de electrodomésticos de baixo consumo ata as típicas recomendacións para a vida cotiá: colocar unha botella na cisterna ou non ducharse coa billa aberta de forma permanente.

Tamén se aconsella o uso de ecoperlizadores, aparellos que se colocan nas billas do fogar e que mesturan a auga co aire, de xeito que, cunha menor cantidade de líquido elemento, conséguese a mesma presión. Os expertos din que o aforro poder ser de ata un 70%.

Estas e outras claves foron dadas a coñecer o mércores e onte en senllos obradoiros que tiveron lugar na aula multimedia da cidade. A experiencia repetirase hoxe, no mesmo lugar, a partir das 17.30 horas. Ao longo das vindeiras semana haberá novas conferencias, de cuxa coordinación vanse encargar as distintas entidades do municipio.

En breve, toda esta información estará tamén colgada na páxina web do Concello de Ribeira, www.riveira.es.