A asociación dará a coñecer o sábado aos gañadores do seu certame de curtas, ao que se presentaron 24 cintas
04 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Boiro foi o pasado fin de semana epicentro da comarca en materia audiovisual coa celebración do festival Acción. A vila manterá o venres e o sábado esta condición da man da asociación Ambar, que desenvolverá un ciclo sobre o cine e os dereitos humanos.
As actividades programas pola entidades arrancarán o venres na casa de cultura da Cachada, onde ás 18.30 horas terá lugar unha sesión de cinefórum. Proxectaranse as cintas Mae, pae, filho e Espiral . O primeiro dos traballos é un documental brasileiro que narra a vida dunha familia formada por unha parella con diversidade funcional e o seu fillo. O segundo é unha curta sobre un espectáculo de rúa que se fixo en Madrid para chamar a atención sobre a discriminación á que se ven sometidas as persoas discapacitadas.
Na mañá do sábado darase a coñecer o fallo do certame Nada sobre nós sen nós . Un xurado integrado por Marga Toxo, José Manuel Olveira, Ricardo Llovo, Manolo Lobato e Xerardo Piñeiro analizará ás 10.30 horas os 24 traballos que se presentaron ao concurso para elixir aos gañadores.
A decisión farase pública ás sete da tarde na casa consistorial boirense. As persoas que se dean cita nas instalacións municipais terán a oportunidade de ver unha selección das cintas que se presentaron ao concurso. O xurado será o encargado de elixir estas curtametraxes en función do seu contido.