Seis especialistas ofrecerán na vila muradá a súa visión sobre os problemas ambientais e como frealos
16 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O Concello de Muros promove a celebración dunhas xornadas de sensibilización sobre o cambio climático, que se desenvolverán este fin de semana. A actividade leva por lema A onde nos leva o cambio climático , e nela poden participar todas as persoas que o desexen, coa condición de que previamente se inscriban nas dependencias da Axencia Local de Sostibilidade de Muros.
A finalidade desta iniciativa é a de achegar coñecementos sobre o cambio climático global e os seus compoñentes, concienciar aos asistentes ao curso sobre a importancia do fenómeno e da necesidade da implicación individual e colectiva con esta cuestión, achegar ferramentas para combater a contaminación dende a vida diaria, e potenciar capacidades para a investigación, a participación, a comunicación e a reflexión arredor dos problemas ambientais.
Esta actividade está subvencionada pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e realízase ao abeiro das axudas fixadas para a organización de actividades de educación sostible.
Seis charlas
Ao longo de mañá e pasado trataranse nestas xornadas os seguintes relatorios: O ensino como ferramenta contra o quentamento global, Indicios sobre o cambio climático en Galicia, A percepción do cambio climático pola poboación, A loita contra o cambio climático dende a vida cotiá, O cambio climático visto dende o movemento ecoloxista e O plan galego de acción fronte ó cambio climático.
Neste curso está prevista a participación do director xeral de Desenvolvemento Sostible, Emilio Fernández Suárez, que será o encargado de dirixir un dos coloquios programados no marco deste seminario.
Do mesmo xeito, está confirmada a participación nas xornadas de biólogos, catedráticos da Universidade de Santiago de Compostela, profesores, representantes da Federación Ecoloxista Galega e educadores ambientais.
No programa de actividades destas xornadas medioambientais tamén se inclúen proxeccións, coma a denominada O cambio climático, o reto do século XXI ou Unha verdade incómoda . Ao mesmo tempo, está prevista a apertura dunha exposición, na Escola de San Xosé, integrada por paneis informativos referidos ás cuestións analizadas nas distintas conferencias e nos coloquios.