Unha ducia de compañías actuarán entre o sábado e o 4 de decembro no marco da Mostra de Teatro da cidade
08 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Unha vez máis, o mundo da farándula cobra un protagonismo case total na programación da Concellería de Cultura de Ribeira para os últimos meses do ano. O sábado arrancará na cidade unha nova edición da Mostra de Teatro, un ciclo de representacións que se prolongarán ata o día 4 de decembro. Ao longo de case dous meses, polo escenario do auditorio municipal pasarán unha ducia de compañías, que deleitarán ao público con funcións de estilos e temáticas diversas.
O concelleiro de Cultura ribeirense, Luciano Fernández, e o técnico Segundo Durán foron os encargados de dar a coñecer o contido da Mostra de Teatro. Destacaron que das doce compañías que pasarán pola cidade, nove son profesionais, e case todas elas actuarán tamén na Feira de Teatro de Galicia que nos vindeiros meses desenvolverase en Santiago, onde representarán as mesmas montaxes que presentarán en Santa Uxía.
Luciano Fernández comentou que para a organización deste ciclo de teatro, o Concello de Ribeira contou coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña e da Dirección Xeral de Política Lingüística.
O cartel
A compañía Talía será a encargada de levantar o telón do ciclo teatral de Ribeira. Farao este sábado coa obra E ti quen ves sendo . O venres da vindeira semana tomará o relevo a agrupación Mala Sombra, que estreará na cidade a montaxe Non é tan fácil .
A mostra seguirá a desenvolverse o día 24, xornada na que recalarán no auditorio municipal Mofa e Befa, para deleitar aos espectadores con Sempre ao lonxe . As representacións previstas para este mes prolongaranse ata o 31, cando subirán ao escenario os membros de Teatro do Noroeste, coa función Extrarradios .
Para novembro están previstas catro representacións. A primeira chegará da man de Áncora Produccións, que o día 7 amosará ao público ribeirense a súa última montaxe, Medidas preventivas . O 16 será Salmonela a compañía que adquira protagonismo coa función No te bebas el agua . O 21 actuará a compañía Candelexas, con Mellor ser can que vivir como un can ; mentres que o 28, Galileo presentará Náufragos .
A mostra chegará ao seu fin o 4 de decembro co Grupo Xuvenil de Teatro de Ribeira, que presentará a obra Como na casa . Todas as funcións comezarán ás 21.30 horas, aínda que será preciso recoller as entradas media hora antes no auditorio.