Barbantia abre o outono reunindo aos premios Rosalía

BARBANZA

21 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Coa chegada de setembro volven os suplementos culturais A Voz de Barbantia, publicación que sae á luz os últimos venres de cada mes e que descansa só en xullo e agosto. E tamén é costume facer coincidir o caderniño de catro páxinas que forma parte da edición de Barbanza de La Voz de Galicia cun acto público. A entidade cultural Barbantia decidiu apostar forte e xestionou a presenza dos premios Rosalía de Castro 2008 para abrir o calendario dun outono que vai ter citas moi interesantes.

O primeiro acontecemento vai ter lugar o vindeiro sábado -non o venres, como soe ser- na casa da cultura de Boiro. Consistirá nun acto literario a cargo dos agasallados no certame Rosalía de Castro deste ano: Álvaro Mutis, quen tamén obtivo os premios Príncipe de Asturias e Cervantes, entre outros; Mia Couto, recoñecida no ámbito da lusofonía; Joan Margarit, en lingua catalá; e Joan Kortázar, en lingua vasca.

O acto vai ser presentado por Luis García Tosar, presidente de Pen Clube de Galicia e está fixado para as oito da tarde.

Para o mes de outubro, Barbantia ten previsto presentar un cedé cun recompilatorio sobre a música en Rianxo, e concretamente en Taragoña, lugar do que xurdiron unha chea de grupos e solistas. Esta edición van facela en colaboración co colexio Brea Segade, onde tivo lugar un acto sobre a mesma temática o ano pasado. A idea é presentalo no auditorio de Rianxo.