Rock con acento galego

Marta López Tejerina

BARBANZA

Os boirenses Sínefres chegaron coas súas guitarras á penúltima ronda do concurso Nsaio no Camiño

08 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Son de Boiro e levan máis dun ano e medio ensaiando no garaxe dun dos compoñentes do grupo, un traballo que comeza a dar os seus froitos. Os roqueiros Sínefres están de noraboa xa que lograron colarse, de momento, nas semifinais do concurso Nsaio no Camiño. O día 29, en Ribadeo, loitarán por ser seleccionados na súa categoría para a gran final competindo con Roberto Sobrado e Banda, de Carballiño, e Skandalo Gz, de Ponteareas. Encabezando o cartel tocarán os xa consolidados Toy Dolls.

O batería de Sínefres, Fran Sieira, asegura que é todo un honor tocar xunto este grupo británico: «Vai ser unha pasada. Só con iso eu xa me dou por satisfeito». Os boirenses veñen de gañar outro concurso, organizado pola Radio Galega, e cuxo premio consistía na gravación dunha maqueta que xa está en proceso de produción. Ademais, participaron na xira Correlingua 2008 dando concertos por toda Galicia. «Foi unha experiencia xenial, e ter unha maqueta a punto de saír é todo un privilexio nos tempos que corren. Participar neste tipo de concursos é unha maneira de darse a coñecer», din.

Defínense como «un grupo de rock barbancés», e así o fan constar nas letras das súas cancións. Sara Vicente déixase a gorxa cantando nun galego cargado de gheadas e seseos, mentres que Diego Pérez e David Davila poñen música coas súas guitarras, César Lojo co seu baixo e Fran Sieira aporrea a batería.

Espírito

O nome do grupo foi idea de Diego Pérez, que pensou que chamarse igual que un tipo de mosquito moi ruidoso iría acorde co espírito do conxunto. Aos demais gustoulles a idea e, dende entón, son coñecidos como Sínefres.

Herdeiros da Crus é a súa principal influencia e, aínda que recoñecen que lles queda moito por facer, teñen esperanzas de que a súa participación en Nsaio no Camiño e outros concursos polo estilo lles sexa útil para facerse un oco no mercado musical: «O noso principal obxectivo é pasalo ben co grupo, o que veña despois xa se verá. Pero por suposto que gañar o concurso sería unha gran ledicia, xa que suporía gravar un cedé e firmar un contrato cunha das mellores discográficas do país».

Sínefres xa se están a preparar para o concerto do día 29, no que se decidirá a súa presenza na final, na que participarán un grupo ou solista por cada unha das cinco categorías en concurso. Pase o que pase esa noite, estes mozos pensan seguir facendo ruído moito tempo máis.