Un estudo feito entre os estudantes de Ribeira revela que non existe un aumento da violencia nas aulas
27 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Aínda que as novas que saíron á luz nos últimos anos dan a entender que existe un preocupante incremento das condutas violentas nos colexios, un estudo feito pola comisión de educación do plan comunitario de Ribeira contradí esta hipótese. Da análise si se desprende que se producen situacións conflitivas nas aulas pero, en xeral, trátase de problemas tradicionais.
As conclusións deste estudo foron presentadas onte, nun acto que contou coa presenza do coordinador do traballo, o psicólogo Juan José Sieira; dun dos colaboradores, o pedagogo do instituto Número Un, Olegario Sampedro; e da concelleira ribeirense Lola Elorduy.
Sieira explicou que a idea de elaborar este informe xurdiu a partir da inquedanza que amosaron os centros educativos sobre a convivencia entre os estudantes. Foi no ano 2004 cando a comisión de educación do plan comunitario empezou a traballar neste eido, contando coa colaboración da empresa Xeneme e da asociación Renacer.
A partires destes primeiros traballos, que se completaron coa realización dunha enquisa entre os estudantes, naceu un traballo de investigación que leva por título Relacións de convivencia nos centros de ensino e nos espazos de lecer de Ribeira .
Conclusións
Olegario Sampedro sinalou que a elaboración deste estudio permitiu concluír que a familia é o espazo máis valorado polos mozos, seguida das parroquias e dos centros de ensino: «O informe racha así con ese tópico de ruptura do núcleo familiar».
Para o pedagogo, a principal conclusión que se extrae desta análise é que, se ben as formas de interrelación no colectivo xuvenil sufriron cambios importantes nos últimos tempos, a hipótese de que aumentou de forma considerable a violencia nas aulas non se sostén nos centros educativos de Ribeira: «Os casos de condutas violentas son mínimos e puntuais».
A maior parte das situacións conflitivas que se producen nos colexios son tradicionais e pasan por poñer alcumes, insultar ou criticar aos compañeiros. Aínda que os responsables do plan comunitario consideran que non se trata de problemas graves, entenden que é preciso seguir incidindo no eido da educación en valores.
A maiores, Sampedro fixo fincapé na necesidade de elaborar un plan de convivencia para o Concello de Ribeira, idea que lle lanzou a Lola Elorduy.