Ribeira convoca á mocidade

BARBANZA

Uns 175 mozos de toda España avaliarán nunhas xornadas a riqueza paisaxística e patrimonial da zona

19 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Por quinto ano consecutivo, Ribeira acollerá en setembro os Encontros Internacionais de Xuventude, unhas xornadas que xa son un referente a nivel galego e que cada vez teñen máis relevancia no panorama estatal. Está previsto que uns 175 mozos de diferentes puntos de España acudan á cidade para, ao longo de cinco xornadas, entrar en contacto coa riqueza paisaxística e patrimonial de Barbanza, analizándoa en sesións teóricas e véndoa de preto mediante a realización de rutas e actividades lúdicas.

O concelleiro de Deportes de Ribeira, Vicente García, e o técnico Mario Vidal deron onte a coñecer o contido dos seminarios, que se desenvolverán entre o 15 e o 19 de setembro. Os dous destacaron a calidade dos relatorios.

Os encontros arrancarán cunha sesión formativa a cargo de Domingos Sampedro, que falará da parte recreativa do mar, iniciando aos asistentes en deportes como a vela lixeira, o windsurf e o cruceiro. Despois tomarán a palabra Andrés Villar, Pablo Fadeville e Rubén Suárez, que desvelarán algúns segredos sobre a montaña, a escalada, o rapell e o barranquismo.

Socorrismo acuático

Nas xornadas tamén está prevista a participación de José Palacios, mestre de Educación Física e responsable en Galicia da concesión das bandeiras azuis. O seu relatorio será sobre o socorrismo acuático.

O tema da igualdade de oportunidades en proxectos para a mocidade será analizado da man de Ramón Torrente, María Pilar Moreira e Paula Tenorio. O seu cometido será tratar cuestións relacionadas coa lexislación vixente en materia de xénero e co proceso de socialización.

Outra das xornadas estará dedicada ás letras, ás tradicións e ás paisaxes de Barbanza. Nela intervirán escritores e historiadores barbanceses moi coñecidos como Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, Xerardo Agrafoxo, Pedro García Vidal, Antonio González Millán, María Luísa López Otero e Antón Riveiro Coello.

O desenvolvemento turístico de Barbanza tamén terá un tratamento especial ao longo destes encontros. De explicar todos os proxectos que se están a levar a cabo na comarca encargarase a xerente da mancomunidade Arousa Norte, Fátima Rodríguez.

Pechan a relación de relatores Isabel Lema Blanco e Azucena Rodríguez Amoroso, que introducirán aos alumnos no eido da sensibilización e da educación ambiental.

Sesións prácticas

Aínda que a teoría terá gran relevancia nas xornadas que se desenvolverán en Ribeira, os organizadores quixeron concederlle este ano unha importancia especial ás sesións prácticas. Así, para o día 17 está prevista unha visita aos lugares máis relevantes da comarca, na que se incluirán paradas no monte da Curota, no parque natural de Corrubedo, no dolmen de Axeitos e o peirao da cidade ribeirense.

Na xornada seguinte, os alumnos embarcarán nun catamarán con visión submarina para realizar un percorrido pola ría de Arousa. Os asistentes coñecerán de preto o proceso de cría do mexillón e contemplarán excelentes vistas do Parque Nacional Illas Atlánticas.

O programa está sen pechar e é probable que se sumen máis actividades.