Chicolino colaborará co Nazareno e co Carme dos Pincheiros achegando o 1% da súa recadación anual
03 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Co fin de conseguir que as principais citas festivas do municipio da Pobra vaian a máis en cada edición e conten cun programa de actividades variado e atractivo para veciños e visitantes, o Concello conseguiu arrancar un compromiso de colaboración do grupo Chicolino. Esta firma contribuirá co financiamento do Nazareno e do Carme dos Pincheiros facéndolle entrega a cada unha das comisións organizadoras do 1% da recadación anual dos seus negocios.
A idea de recorrer a esta firma hostaleira para conseguir unha achega económica partiu do concelleiro de Festexos pobrense, Andrés Millán: «Tiven conversas con Arturo Chicolino porque a intención do executivo local é potenciar aínda máis o Nazareno e o Carme dos Pincheiros, e conseguir que conten coa mellor programación posible».
Segundo explicou onte Andrés Millán, foi o propio empresario o que expuxo a posibilidade de entregarlle a cada comisión de festas o 1% da recadación anual, unha porcentaxe que ascende a uns tres mil euros.
Sorteo de viaxes
A maiores, o grupo Chicolino sufragará os gastos de dúas viaxes para dúas persoas que cada comisión terá á súa disposición para sortear. Estas excursións terán como destino bodegas do territorio español.
O que fará a firma hostaleira serán entregarlle a cada clientes dos seus establecementos un vale por cada consumición, tarxeta que o posuidor terá que cubrir cos seus datos persoais e depositar nunha urna. O sorteo das viaxes terá lugar nun acto público que se incluirá na programación de cada unha das festas.
O que pretende con esta iniciativa Chicolino é facerse cunha base de datos dos seus clientes, sempre contando co visto bo das persoas implicadas. Estas persoas que acudan habitualmente aos negocios do grupo empresarial recibirán detalles como tarxetas de felicitación no seu aniversario ou no Nadal.
A firma hostaleira tamén pretende aproveitar esta información para editar unha revista. A intención do grupo é sacar á luz o primeiro número a finais deste ano.
Esta idea foi dada a coñecer onte polo xerente e o xefe de cociña da Terraza de Chicolino, Isidro Paz e David Alcalde, respectivamente. No acto tamén estiveron presentes os responsables das comisións de festas do Nazareno e dos Pincheiros, José Hermo e Manuel Pardavila.