Adega pon en marcha as actividades do proxecto para a preservación da praia da Corna, onde aniña esta ave
08 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O colectivo ecoloxista Adega mantén un plan de actuación na praia da Corna encamiñado, por unha banda, á eliminación das especies vexetais exóticas que invaden o areal e, por outro lado, á conservación da píllara papuda, unha ave en perigo de extinción. Dentro deste programa, onte levaron a cabo unha actividade destinada á busca e sinalización de niños desta especie protexida.
Durante máis de tres horas, arredor dunha quincena de socios de Adega e voluntarios percorreron o areal da Corna colocando paneis nos que se advirte da presenza de exemplares de píllara papuda na praia. A iniciativa está encamiñada a protexer os niños destas aves da acción dos usuarios que, coa chegada do bo tempo, se achegarán ata a Corna.
Durante o verán pasado, a presión turística estragou, segundo Adega, as dúas únicas niñadas desta especie protexida. Por esta razón, os ecoloxistas optaron instalar estes paneis, nos que se aporta información sobre esta ave e os coidados que precisa para a súa supervivencia.
Crías
A píllara papuda está dende o pasado mes de abril en período de reprodución e os controis levados a cabo por Adega permitíronlle descubrir unha posta nun niño. Onte, os ovos localizados xa non estaban, o que leva aos ecoloxistas a pensar que as crías puideron saír adiante.
A diferenza do que ocorre con outras especies, os pitos desta ave abandonan o niño nada máis nacer e xa están listos para desprazarse pola praia e buscar un lugar no que camuflarse para evitar ser atacados. De aí que os participantes na actividade desenvolvida onte non atoparan rastro das crías.
Outra posibilidade que se baralla, é que finalmente non lograsen saír adiante. Aínda que os membros de Adega esperan que estes presaxios non se cumpran, apuntaron que esta circunstancia non garante que non vaia haber crías este ano, posto que o período de reprodución da píllara papuda prolóngase ata o mes de xuño, de maneira que a parella que aniña na praia da Corna ten tempo para incubar unha nova posta de ovos.
Dende o colectivo levarán a cabo accións de seguimento das aves nos próximos meses, e intensificarán as campañas formativas para concienciar aos usuarios da necesidade de preservar esta especie en perigo.
Limpeza
Fins Eirexas, xeólogo de Adega, subliñou que teñen elaborado un completo plan para a preservación da praia da Corna e que a súa actuación non se vai limitar a accións puntuais, senón que se prolongará todo o ano.
O proxecto inclúe tamén a limpeza de especies invasoras que colonizan as dunas do areal. Onte, por exemplo, centráronse no Rego de Esteirón, linde entre Ribeira e A Pobra, onde arrincaron unha colonia de uña de gato e onde acometerán novas actuacións nas vindeiras semanas.