A compañía de danza Druída presenta un espectáculo no auditorio para conmemorar o día dedicado ao ballet
23 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.No mundo actual hai días dedicados a case todo, dende o reservado para coidar o planeta ata o de fomento da literatura infantil ou o que invita a non usar o coche. A danza non podía ser menos e, para conmemorar unha data tan sinalada, o Concello de Ribeira, coa colaboración da Deputación da Coruña e a Escola Municipal de Ballet, organizou un espectáculo que, baixo o título 20 anos non é nada, porá en escena a compañía de danza Druída (Druidanza).
O espectáculo terá lugar no auditorio ribeirense o vindeiro venres a partir das 20.30 horas e nel o ballet dirixido por Mercedes Suárez promete ofrecer unha función na que se combinará a danza contemporánea cos pasos máis clásicos.
Este último estilo é o que máis lle interesa mostrar ao público a Cristina Riveiro, directora da escola, xa que considera que o baile clásico se está perdendo en pos da modernidade coa que se pretende cambiar a imaxe folclórica da danza en Galicia. Na súa opinión, unha cousa non está en disputa coa outra e, de feito, explica que as coreografías de Druidanza «buscan un acercamento ao sentir popular fóra do que é a danza puramente folclórica».
Programa
O espectáculo, no que participarán sete bailaríns, inclúe un total de catro pezas coas que a compañía fará un percorrido polos distintos estilos, dende o ballet clásico ata o contemporáneo. O programa iniciarase cunha suite de El corsario, á que seguirá un fragmento de Verde transparente. A parte dedicada á danza neoclásica e contemporánea estará representada en O anxo exterminador, unha coreografía, igual que a anterior, da directora da compañía, Mercedes Suárez, sobre unha composición de Vivaldi.
A asistencia ao espectáculo que a compañía Druidanza porá en escena o venres é libre e gratuíta, e as persoas interesadas en presenciala só teñen que retirar as entradas no auditorio media hora antes do comezo da representación.
A responsable da Escola Municipal de Ballet, Cristina Riveiro, felicitouse pola celebración do Día Internacional da Danza en Ribeira cunha actuación coma o da compañía Druída, que vén avalada pola formación dos seus integrantes e polo prestixio da súa directora, que conta cun amplo currículo en formacións tanto de España coma de fóra das fronteiras nacionais.
Historia
O obxecto do espectáculo 20 anos non é nada é, por unha banda, achegar unha disciplina como o ballet ao común dos cidadáns de Ribeira e, doutro lado, conmemorar o Día da Danza, que se celebra a vindeira semana en todo o mundo.
Aínda que a actuación organizada polo Concello terá lugar o venres, a xornada que a Unesco decidiu que se dedique ao ballet é o 29 de abril, data que coincide co nacemento do mestre francés Jean Georges Noverre.
Cristina Riveiro subliñou que foi el a primeira persoa que reivindicou a dramaturxia na estrutura da danza, sen a cal o baile clásico non chegaría a ser o que é na actualidade.