Os veciños da vila poderán asistir a funcións de cine e teatro ao longo de todo o mes

La Voz

BARBANZA

A concelleira de Cultura de Noia, Loli Caramés Hermo, aproveitou tamén a xornada de onte para dar a coñecer a programación do seu departamento para o presente mes. Entre as actividades organizadas figuran representacións de teatro, proxeccións de cine e concertos.

Mañá, ás dez da noite no Coliseo Noela, a compañía Teatro de Ningures levará a escena a obra Emigrados . O domingo, ás oito do serán e no mesmo recinto, os espectadores poderán ver a longametraxe sueca Tierra de ángeles .

Para o 22 está prevista a actuación do grupo Atlántico, coa peza A bombilla máxica . Ao día seguinte, a escola Airiños de Rianxo subirá ao escenario para dar vida á obra O campelo . Esta última actividade está organizada polos pais do Stand.

Outras citas

Tamén no Coliseo Noela proxectarase, o 24, a película Juntos, nada más . Por outra parte, o conservatorio Felipe Paz ofrecerá, o 27, un concerto.

Entre mañá e o 29, a casa de cultura dará cabida a unha exposición da Bienal de Arte do Instituto Virxe do Mar.

A concelleira Loli Caramés anunciou, a maiores, que a partir da segunda semana de marzo e durante cinco meses se impartirá un curso de teatro na vila, dirixido aos veciños de máis de dez anos. As inscricións poden facerse xa na casa da cultura, ata o 29 deste mes.