A programación deseñada por Concello e asociacións inclúe a celebración de festas infantís en cinco vilas
31 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Co obxectivo de que ningún neno do municipio de Muros se quede sen ter a posibilidade de lucir a vestimenta deseñada para esta edición do entroido, o Concello de Muros, en colaboración con distintas asociacións, decidiu repartir a festa polas principais localidades. Tanto é así que, entre mañá e o luns, haberá ata cinco festivais infantís de disfraces con agasallos para os participantes.
Este ciclo de festas arrancará mañá na casa reitoral de Torea, para continuar o sábado no centro social de Tal e no local veciñal de Sorribos, na localidade Abelleira. O luns tocaralle gozar dos actos aos máis pequenos de Esteiro, que poderán darse cita no pavillón polideportivo; e aos de Serres, que deberán acudir ao Pozo do Cochón. En todos os casos, os bailes de disfraces darán comezo ás cinco da tarde.
Para organizar estes festivais, o Concello de Muros contou coa colaboración dos colectivos veciñais Careca, Ponte Vella e Galania, así como coa Asociación de Pais de Alumnos Esteiro.
Pero os nenos non serán os únicos muradáns que teñan a oportunidade de gozar das festas de entroido. Todos os veciños están chamados ao concurso de comparsas que terá lugar o domingo. O desfile arrancará ás cinco da tarde na zona da Virxe e, despois de percorrer as principais rúas da vila, concluirá no Curro da Praza, onde haberá diversas actuacións folclóricas.
Como non podía ser de outro xeito, aqueles grupos que se esforcen á hora de deseñar os disfraces, de organizar a posta en escena durante o desfile e de representar no escenario as murgas terán a súa recompensa. O Concello fixou premios de 1.000, 500, 250 e 125 euros para as mellores comparsas.
Festival en Outes
Enfocada aos máis pequenos do municipio está a actividade principal do programa de entroido deseñado en Outes. Os cativos poderán gozar nunha festa que se desenvolverá o día 10 na casa de cultura, na que non faltarán os agasallos.
Para todos os veciños do municipio outiense vai dirixido sen embargo o enterro da sardiña, que se celebrará o mércores. A comitiva fúnebre sairá do colexio da Serra ás sete da tarde cara a Praza do Bosque. Alí haberá chocolate e biscoitos para todos os que queiran sumarse ao desfile.