Unha marcha imparable

Luisa Gutiérrez

BARBANZA

Os membros da residencia de anciáns ribeirense inician este mes a programación de actividades de inverno

09 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Aproveitando a inminente chegada do inverno, os maiores da residencia de anciáns de Santa Uxía xa están preparados para gozar dunha gran variedade de actividades. Ademais, as festas de Nadal contribuirán a darlle un matiz especial a este programa de tempo libre.

Como non podía ser menos, os residentes levan toda a semana ultimando os preparativos para adornar as instalacións do centro. «Comezamos o venres e, como cada ano, Concepción García axudounos a montar o belén. Este ten unha característica, as figuriñas son bonecos artesanais que ela mesma deseña», explicou Diana Pego Fernández, a animadora sociocultural do xeriátrico.

O proxecto é moi amplo, polo que no quedará tempo para o aburrimento. Os destinatarios poderán realizar actividades culturais, manuais e audiovisuais. «Ademais de que os residentes participen nos diferentes obradoiros tamén facemos outras iniciativas de tipo oral nas que falamos e recordamos anécdotas propias destas datas», explicou Pego Fernández.

Escolares

Un amplo grupo de escolares da cidade acudirá ao centro de Santa Uxía para dedicar unhas panxoliñas aos maiores. «É unha época de moitas visitas, xa que o mesmo día de Noiteboa actuará na misa, antes da cea, un coro da Pobra que traerá a música á residencia».

Para que este colectivo nunca esqueza este Nadal, o día 25 de decembro Papá Noel visitará o xeriátrico con regalos para todos os anciáns. «Non queremos que falte de nada, polo que o día de Noitevella haberá un baile cotillón que durará toda a tarde, finalizando coa cena de fin de ano», explicou a responsable da área de animación sociocultural.

Durante a primeira semana de xaneiro faranse ciclos de cine nos que ademais de visionar longametraxes, os residentes comentarán os filmes. Ademais, celebrarase o tradicional concurso de canto Lluvia de estrellados entre anciáns e traballadores do xeriátrico, que acapara a atención de todos os membros do centro de Santa Uxía.

A programación relacionada co Nadal chegará ao seu fin o 6 de xaneiro, coincidindo co día de Reis. «Os Magos de Oriente visitaranos e traerán agasallos para todos os anciáns da residencia», dixo Diana Pego Fernández.

Serán uns días de moita actividade. Pero aquí non remata todo, pois continuarán as actividades de ocio nesta residencia tan marchosa de Santa Uxía.