Barbantia premia a Díaz Pardo, Xesús Santos e O Faiado

BARBANZA

A Asociación Cultural Barbantia instaurou uns premios para recoñecer ás persoas ou entidades que traballaron a prol da cultura. A primeira edición xa ten nomes, todos eles, xunto a moitos máis, dignos das máis altas distincións pola labor que fan en beneficio dos demais. Os galardóns chámanse sirenos, e o da cultura recaeu na persoa de Isaac Díaz Pardo, intelectual destacado no panorama galego; o da traxectoria cultural barbancesa foi concedido a Xesús Santos Suárez, poeta e director do grupo de teatro Airiños de Asados; e o da iniciativa cultural recaeu na asociación O Faiado 2. O certame fallouse nun acto da sección xuvenil da entidade, Barbantia Nova, que tivo lugar na noite do venres na sala Ese de Boiro. Nesta primeira edición, foi a xunta directiva da organización cultural a que fixo de xurado, pero a intención é que, no futuro, os premios saian dunha votación de todos os socios de Barbantia. Para o ano, pretenden facer unhas tarxetas con varias candidaturas por categoría, para que os membros do colectivo voten logo por correo normal ou polo electrónico. Acto de entrega A entrega dos sirenos, que consisten nunha figura de bronce coa esfinxe que preside as publicacións de Barbantia feita polo escultor de A Pobra Manuel Teira, celebrarase o 14 deste mes nun acto que vai ter lugar na Casa de Cultura de Boiro. No transcurso do encontro tamén vaise presentar o Anuario 2007 , o suplemento número 29 de A Voz de Barbantia e probablemente se faga coincidir coa distribución do recompilatorio das primeiras 25 publicacións do órgano de Barbantia e La Voz de Barbanza que se publica todos os últimos venres de cada mes. E para pechar a xornada, haberá unha cea.