Outeiriño Redondo de Brañas de Prado

Pedro García Vidal

BARBANZA

26 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Ante certo tipo de paisaxes, o elemento natural resulta tan abraiante que pode incluso trasladarnos á mesma orixe do mundo. Isto sucede, por exemplo, cando nos atopamos diante dunha paisaxe onde a pedra amosa a súa forza e poderío: a súa contemplación inmediatamente nos devolve á nosa verdadeira escala humana. Atopámonos no cume da serra do Barbanza, esa illa particular no interior dunha península entre rías; montaña escenario da rocha, un relevo, unha forma de pedra e unha pedra habitada; territorio das alturas, de fermosura e serenidade, un espazo onde sentir o espectáculo natural e alimentar con acougo os mananciais do espírito, e ao mesmo tempo, o lugar onde repousa a arqueoloxía do sentimento (soidade e abandono da herdanza cultural) que transcende inmediatamente á paisaxe. Sobre a uniforme chaira, o granito desta redondeada forma proclama fachendoso a resistencia. Redondo, altivo, vixiante na penechaira, sabe da historia máis remota, aquela do inicio cando el mesmo era magma fluído, caldo primixenio de rochas fundidas, base dos continentes; o Barbanza, antes montaña, estaba reducido xa a unha chaira que sobresaía apenas das augas, pero que logo, nunha segunda oportunidade rexuvenecedora, puido de novo conquistar as alturas. Pero tamén é sabedor da historia máis próxima, aquela de cando a especie humana habitou estas terras altas. Os primeiros agricultores e gandeiros que bautizaron os accidentes xeográficos e chamaron Outeiriño Redondo a aquela curiosa pedra co fin de diferenciala. Construtores da paisaxe que poboaron cunha arquitectura funeraria para ver e ser vista, destinada a desafiar o tempo, co fin de resistilo, de sobreporse a el. O alto do Barbanza é unha senlleira farmacia da alma que precisa de coidados e de agarimos. Aprendamos aos rapaces que non podemos permitir que aquí, nestes espazos da soidade, se confirmen unha vez máis as palabras de Óscar Wilde, de que o home remata por matar aquilo que ama. Comezando polo propio territorio e rematando polo amor.