Poemas por e para mulleres

Luisa Gutiérrez

BARBANZA

Máis de medio centenar de veciñas de Santa Uxía participaron nun obradoiro sobre literatura galega

21 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Poesía nun ambiente feminino. Este foi o que se viviu o venres na biblioteca municipal de Ribeira, nunha actividade organizada polo departamento de Servizos Sociais do Concello. Máis de medio centenar de veciñas participaron de maneira activa nun obradoiro sobre literatura galega que o Centro de Información á Muller puxo en marcha de xeito específico para este colectivo da sociedade.

A persoa que dirixiu a iniciativa foi a escritora Elvira Riveira, que se encargou de impartir unha conferencia moi dinámica entre as asistentes. «Intentei que o obradoiro fose o más práctico posible para que ninguén se aburrise e sobre todo, tentei abrir portas para que as alumnas coñeceran algo máis sobre a poesía», indicou a autora.

A intelectual explicou os obxectivos deste curso: «Estudamos obras escritas por mulleres para que elas mesmas descubriran cal é a linguaxe feminina e que recursos utilizan ao expresarse dunha maneira poética», afirmou.

Achegamento

De feito, Elvira Riveira subliñou cales foron os factores que a motivaron á hora de facer a programación da actividade: «Pensei en analizar a poesía galega xa que ás veces é un xénero ao que a xente lle ten un pouco de medo. Quixen aproximar este mundo, e as particularidades que ten, ás cidadás». Ademais, engadiu: «É importante destacar o papel que xogou a muller ao longo da historia da literatura galega que, por certo, foi moi forte». A escritora destacou a gran participación e a boa acollida que esta iniciativa cultural tivo entre as residentes en Ribeira.

Cheo total

A biblioteca municipal converteuse o venres nun fervedoiro de xente. As participantes atenderon ás explicacións que a docente foi dando ao longo das dúas horas que durou o obradoiro.

As asistentes destacaron o carácter didáctico que tivo a xornada e esperan que nos vindeiros meses o Concello repita a experiencia. De feito, desde a propia organización nunca pensaron que este proxecto ía ter un nivel tan alto de asistencia.

Esta iniciativa pretende promover a igualdade entre os veciños, un aspecto que se está a traballar moito desde a área de Servizos Sociais do goberno local ribeirense. Tanto é así que a do venres non foi a primeira actividade que se fai no municipio para favorecer a desaparición das diferenzas por razón de sexo.

A concelleira que dirixe ese departamento, Esther Patiño Rey, non puido asistir á xornada, pero no seu lugar acudiu a responsable de Educación, Juana Hermitas Crugeiras, que non perdeu detalle de todo o acto.

Esta última encomiou o labor levado a cabo por esa concellería e o positivas que este tipo de iniciativas resultan para Ribeira. «Cando mo contaron pareceume unha idea máis que boa, pois con actuacións desta índole promovemos a cultura e a educación entre a sociedade, algo que é moi importante», indicou Crugeiras.

Satisfacción

A concelleira tamén destacou a elevada afluencia de xente que rexistrou o encontro: «É xenial que se organicen cousas e que, aínda por riba, a resposta cidadá sexa tan positiva». E sinalou: «Seguiremos traballando nesta liña, pois á vista está que os resultados ao final son moi satisfactorios».

A escritora Elvira Riveira agradeceu ás veciñas, ao remate do acto, a súa participación e o interese que amosaron pola actividade.