Responsables de grupos de Cáritas da zona presentaron onte unhas xornadas dedicadas á lei de dependencia
16 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Os responsables da entidade Cáritas parroquial da Pobra e Santa Uxía celebrarán este mes, dentro das súas programacións habituais de actividades, unha xornadas de animación social co obxectivo de «sacar á luz temas de interese para toda a sociedade como son a lei de dependencia e o coidado ás persoas maiores».
Para iso, reuníronse onte nos locais parroquiais de Ribeira membros desta asociación na comarca para presentar a iniciativa. «Os últimos estudos e a realidade social da nosa sociedade confirman que a situación dos nosos maiores constitúe un problema de plena actualidade do que non nos podemos sentir alleos». Con estas palabras introduciu os temas sobre os que xirarán as charlas José Piado, responsable do departamento de animación comunitaria da diocese. Pero dixo máis: «Os cambios sociais vividos nas últimas décadas e o envellecemento da nosa poboación fan que teñamos que sensibilizarnos e concienciarnos da importancia que ten este colectivo, que demanda unha resposta adecuada ás súas necesidades, desde a cidadanía e desde os diferentes colectivos que a integran».
Voces expertas
As xornadas estarán dirixidas por especialistas no ámbito comunitario. Traballadores sociais, educadores e orientadores explicarán nunha primeira sesión todo o referente á recente lei de dependencia e, por outra banda, porán en coñecemento dos asistentes aspectos alusivos ao coidado de persoas maiores. «Vivimos nun mundo no que os anciáns atópanse cun problema social moi grande: a soidade. Estas xornadas pretenden ensinar como se debe tratar ás persoas que están nesa situación e o xeito de afrontar os problemas que vaian xurdindo», apuntou o responsable diocesano.
Colaboración
Esta actividade é o froito de moitos meses de traballo, xa que os responsables levan tempo reuníndose para organizar os diferentes actos. A colaboración veciñal, neste sentido, foi total. «Levamos tempo traballando para que todo saia á perfección; por iso, esperamos que esta iniciativa que presentamos desde Cáritas teña boa acollida entre a sociedade ribeirense e a pobrense», afirmou un dos integrantes da asociación.
Para que os veciños de cada localidade non teñan que desprazarse, a organización optou por celebrar as xornadas en dúas datas. Así, esta semana é a quenda de Santa Uxía. A Casa do Mar de Ribeira dará cabida o xoves a un relatorio sobre a lei de dependencia e será impartido polo traballador social Javier Hermida. Ao día seguinte, será o pedagogo Gumersindo Alonso o que introducirá o tema do coidado ás persoas maiores.
No caso pobrense, a actividade desenvolverase do mesmo xeito a finais de mes, os días 25 e 26 de novembro, e a dirixirán as traballadoras sociais do Concello.
Coidados
«Todos sabemos a cantidade de familias que están pasando dificultades para atender a parentes con discapacidades, por iso esta iniciativa é moi beneficiosa e ninguén debe perder a oportunidade de participar», sinalou o párroco ribeirense Cesáreo Canabal. E apuntou: «Queremos estar presentes no que pasa nas rúas, por iso iniciativas como estas deben ter unha boa acollida. Pero ademais na parroquia estamos abertos a axudar a quen nos solicite axuda». O cura espera que o xoves a Casa do Mar se converta nun fervedoiro de xente.