A entidade rural que xestiona fondos do plan Proder organiza unhas xornadas que terán lugar en outubro
22 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.A Asociación Rural de Desenvolvemento Ría Muros-Noia vai levar a cabo os días 10 e 11 de outubro unhas xornadas que xirarán, fundamentalmente, arredor do turismo. O programa coas actividades a desenrolar deuse a coñecer onte nun acto que tivo lugar na casa de cultura de Outes e ao que asistiron os dous xerentes comarcais, José Carlos Fernández-Barja e Inés Monteagudo; e os mandatarios da zona, agás o de Porto do Son, que non puido estar presente por motivos persoais.
O primeiro Foro de Turismo e Desenvolvemento Rural da Ría de Muros e Noia conta xa con máis de vinte participantes inscritos, procedentes de diferentes vilas galegas, pero o prazo para anotarse aínda non rematou e de feito non quedará pechado ata o 3 de outubro.
As iniciativas da primeira sesión terán como escenario o Instituto Campo de San Alberto, e no suposto de que o número de anotados supere a cifra dos 65, entón trasladaranse ao Instituto Social da Mariña de Noia. Os actos do xoves 11 desenrolaranse na casa da cultura muradá.
Valoracións
O presidente en funcións do colectivo que organiza esta actividade, Santiago Freire Abeijón, salientou a importancia de iniciativas destas características para dinamizar o sector turístico e para potenciar os atractivos da zona e dalos a coñecer de cara a mellorar a afluencia de turistas.
Por outra banda, o tamén rexedor de Lousame fixo fincapé nos plans nos que traballa nestes intres a entidade Ría Muros-Noia.
En concreto, Freire Abeijón anunciou que teñen pensado poñer en marcha a curto prazo un ambicioso proxecto de dinamización turística da bisbarra e sinalou que contan xa co compromiso de apoio financeiro da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña para sacar adiante esa actuación, aínda que está pendente de materializarse nun convenio ou documento semellante.
Invitados
Ao xerente da asociación rural, José Carlos Fernández-Barja Martínez, tocoulle debullar os contidos do programa deste primeiro foro, no que está previsto que interveñan 16 conferenciantes. A maiores das charlas, organizaron un cruceiro pola ría e unhas visitas ao casco histórico de Muros e ao centro de interpretación e o castro de Baroña.
O cartel inclúe tamén a presentación dun libro sobre todas as iniciativas levadas a cabo nos últimos anos con fondos do Proder e un obradoiro de experiencias no que seis persoas falarán sobre proxectos como as cantinas do Eume, Mardelira e a estación náutica das Rías Baixas.
Hostalería
A xerente Inés Monteagudo sinalou que as actividades programadas na vila de Muros están máis enfocadas ao sector hostaleiro e lembrou que nestes momentos varios empresarios da zona manteñen conversas para tratar de por en marcha unha asociación específica dese gremio.
O foro servirá para que os asistentes coñezan de primeira man iniciativas turísticas levadas a cabo con éxito noutras rexións como Avilés, en Asturias; e A Mancha.
Nas charlas tamén intervirán algúns cargos públicos, como os directores xerais de Desenvolvemento Rural e Turismo, Edelmiro López e Rubén Lois, respectivamente; e o secretario da Consellería de Pesca, Miguel López Sieiro. Ademais, os organizadores farán entrega duns diplomas.