A industria como tesouro

Sara Ares

BARBANZA

Os expertos que participan nas xornadas de Lousame falaron do aproveitamento cultural de antigas fábricas

31 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

As edificacións que no pasado desenrolaron un papel estratéxico como centros de produción industrial non teñen por que desaparecer ou acabar convertidas en escombros. Posúen un valor histórico e cultural que, ben aproveitado, pode dar pe a iniciativas altamente rendibles desde o punto de vista económico e turístico. Esta teoría púxose de manifesto onte no transcurso da segunda sesión das Xornadas de Patrimonio organizadas polo Concello de Lousame, que se celebran na casa de cultura de Portobravo.

Algúns dos conferenciantes invitados a participar nesta interesante iniciativa didáctica amosaron a cara e a cruz das intervencións levadas a cabo en Galicia en materia de recuperación de bens industriais.

Unha visión negativa foi a que aportou, por exemplo, a coordinadora do museo histórico de Sargadelos, Elisa Pérez, quen se amosou moi crítica con algunhas das obras levadas a cabo ao longo dos últimos anos nas instalacións que este buque insignia da cerámica galega posúe en Cervo.

Observacións

«Houbo intervencións moi desatinadas, como a que tivo lugar no 2004, promovida polo Concello e financiada por Política Territorial; e o padroado de Sargadelos ata agora non cumpriu a función para a que foi constituído», sinalou Elisa Pérez.

Que falta interese por poñer en valor o patrimonio industrial foi outra das afirmacións feitas pola responsable do museo do complexo empresarial do que saíron os deseños de destacadas personalidades galegas como Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane.

Elisa Pérez lembrou que desde o ano 1990 está redactado un plan especial de conservación do conxunto artístico de Sargadelos, pero precisou que na práctica nunca chegou a desenrolarse.

Órgano de control

Todo o que se faga nun ben de interese cultural debería estar supervisado por Patrimonio e non depender dos criterios dos políticos que nun determinado momento ostenten un goberno municipal. Ese foi outro dos pensamentos aos que a directora do museo de Sargadelos puxo voz en Portobravo.

Moito máis optimista e esperanzadora para unha conservación axeitada do patrimonio industrial resultou a visión dada polo alcalde de Allariz, Francisco García Suárez.

Esta vila ourensá logrou consolidarse no conxunto de Galicia como un referente a seguir no que á posta en valor de antigas fábricas de curtidos, muíños e outros recursos arquitectónicos se refire

O mandatario amosou a través de imaxes algunhas das intervencións máis destacadas de todas as que se levaron a cabo no corredor temático do río Arnoia.

Dez anos fixeron falta, segundo dixo Francisco García, para conseguir os obxectivos fixados e para evitar que Allariz caera atrapado na rede da decadencia económica. A recuperación de antigas fábricas e industrias, sen apenas custes para o Concello, trouxo consigo turismo, emprego e riqueza. Iso foi, polo menos, o que sostivo o alcalde allaricense.

Deste último modelo seguro que tomaron boa nota o alcalde e a concelleira de Cultura de Lousame como camiño a seguir coas minas de San Finx e as papeleiras. As xornadas chegan hoxe á súa fin, con actividades que se desenrolarán desde as dez da mañá ata as oito e media do serán, e cos xacementos mineiros como eixo principal das charlas.