Preto dun cento de nenos participan nas ludotecas infantís que organizou o Concello da Pobra
28 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Os nenos que viven na Pobra ou os que visitan a vila por vacacións teñen prohibido o aburrimento. O Concello leva todo o verán organizando o lecer dos máis pequenos cunha infinidade de actividades. Os cativos participan nunhas ludotecas infantís nas que descobren todo tipo de xogos, entre os que destacan os máis tradicionais, os de toda a vida.
Os rapaces reúnense cada mañá -en torno ás 11.30 horas- no colexio Fernández Varela, lugar onde desenrolan este obradoiro. Os monitores inciden sobre todo en que os rapaces aprendan a divertirse como antes, por aquilo de que «os nenos de hoxe non saben xogar na rúa».
Esa foi unha das principais motivacións que levou a Concellería de Educación a organizar esta iniciativa. «Facendo un repaso pola oferta de actividades para o tempo libre dos nosos nenos atopámonos cun ocio reinado polas modas de xoguetes sofisticados e caros, ordenadores e consolas, e sobre todo, a televisión, que fan que o ocio dos cativos deixe de ser libre e pase a ser un tempo manipulado e consumista», apuntou a edila de Educación, Isabel González Barral.
Consumismo
A concelleira destacou que ante o «mal uso deste tempo libre consumista e individualizado» se veu na obriga de preparar un programa de actividades para o verán no que teñan cabida todos os nenos e veraneantes de A Pobra. Este programa comprende obradoiros para rapaces de todas as idades, aínda que se fai fincapé nos máis pequenos -de entre 3 e 6 anos-. «Os cativos están nunha idade moi particular por iso centrámonos en eles, pois queremos o mellor para a súa educación e tamén para a diversión», afirmou González.
Festa
O certo é que cada día vívese unha auténtica festa no Fernández Varela. As tres monitoras que dirixen a actividade están cada mañá ao redor de dúas horas e media con eles. «Nós somos as primeiras que gozamos cos pequenos pois ao final se lles colle moitísimo cariño», indicou Patricia Millán, unha das responsables desta actividade.
A monitora cree que este tipo de obradoiros axudan a que os menores comecen a adquirir un «sentido da responsabilidade moi necesario. Como temos nenos de idades entre 3 e 6 anos intentamos que os maiores estean pendentes dos que teñen 3 anos e que se preocupen por eles», manifestou Millán.
Entre as actividades que desenrolan, ademais dos xogos tradicionais actualizados aos tempos dos cativos, fan traballos manuais e dinámicas de expresión corporal. «O que intentamos sobre todo é impulsar as habilidades artísticas dos rapaces ao tempo que desenrolan a súa imaxinación e a creatividade; ademais de axudar aos pais a conciliar a vida familiar e laboral, algo que tamén é moi importante», destacou a concelleira Isabel González Barral.
Multicolor
Esta é unha actividade multicolor, pois ademais dos cativos da Pobra, participan nenos que están na vila de vacacións. «Este ano tivemos pequenos de Alemaña, Inglaterra e incluso de América, algo moi enriquecedor para todos eles xa que aprenden a convivir e gozar con rapaces doutras culturas e mentalidades», apuntou a edila de Educación pobrense.