O concello de Ribeira ofrecerá aos maiores un bo número de obradoiros e viaxes por toda Galicia
18 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.ribeira | Os maiores do municipio de Ribeira poderán gozar dun completo programa de actividades de ocio que a Concellería de Igualdade, Acción Social, Maiores e Dependencia, dirixida por Esther Patiño Rey, ten previsto levar a cabo a partir do mes de setembro.
Patiño presentou onte, na casa consistorial, as diferentes iniciativas que se enmarcan nesta oferta lúdica. Os maiores de 60 anos poderán participar en itinerarios culturais e nun gran número de obradoiros, tales como os talleres de ocio e cultura, bordado artesanal, artes plásticas, alfabetización e música (este último levarase a cabo por primeira vez).
O programa de actividades desenvolverase dende o mes de setembro ata xullo do ano próximo. Patiño recordou que todas aquelas persoas interesadas poden pedir información no departamento de Servizos Socias do Concello.
Talleres
En todas as actividades se traballarán diversos aspectos relacionados coa vellez, como poden ser a saúde e o ocio dende as perspectivas física, psicolóxica e social. Todos os obradoiros estarán coordinados pola psicóloga Nieves Sobrido Pego, que desempeñará a súa labor xunto con outros monitores expertos neste eido.
Concretamente, no de ocio e cultura, que se levará a cabo nas instalacións das casas do mar de Ribeira, Aguiño e Palmeira, realizaranse, entre outras actividades, exercicios de reforzamento da memoria, recompilación de datos culturais e técnicas de relaxación.
Neste proxecto de aula sociocultural para os maiores, que tivo gran aceptación en anos anteriores, tamén se teñen previsto efectuar diferentes itinerarios culturais dentro e fóra da comarca, e incluso, de Galicia.
O día 8 de setembro, sen ir máis lonxe, está prevista unha excursión en catamarán pola ría na que participarán avós e netos. Ao longo do curso realizaranse diversas saídas a museos, miradoiros e multitude de puntos de interese cultural, así como a Allariz, Oporto e Asturias.
Tanto a concelleira Esther Patiño como a traballadora social María Francisca Vidal Regueira, que acompañou á edila na presentación do programa, resaltaron o gran éxito de participación que tivo a aula sociocultural en anos anteriores, xa que sempre se completaron as prazas e mesmo se chegou a ter listas de espera.
Igualmente, tanto Patiño como Vidal destacaron a gran participación feminina nestas actividades, e animaron tamén aos homes a aproveitar o seu tempo libre con iniciativas tan gratificantes como as que se ofrecen.
Integración
O obxectivo do proxecto é crear un clima dinámico e participativo no que os maiores poidan desenvolver as súas capacidades e habilidades, fomentando desta forma a súa autoestima e autonomía persoal e familiar.
Neste senso, Patiño non quixo deixar pasar a ocasión de resaltar outras iniciativas sociais que se están levando a cabo no concello, como o campamento de integración que se desenvolve desde onte en Pontemaril (Pontevedra) para nenos de entre 7 e 16 anos e rapaces con discapacidade.
Precisamente, en coordinación con Arrecó, o Concello oferta esta última actividade para 25 mozos, dándolles así unha oportunidade para entrar en contacto coa natureza. Os rapaces estarán en Pontemaril ata o día 24 e, a bo seguro, voltarán cun sorriso despois de tantos días de diversión.