Se o labor da Cruz Vermella de Ribeira é importante no eido marítimo, tamén merece un recoñecemento especial a súa implicación na axuda aos inmigrantes que buscan unha oportunidade na zona.
-¿Cada vez hai máis situacións de pobreza?
-Todas as sociedades ricas, por definición, tenden a crear bolsas de pobreza. Ribeira é rica, pero detéctanse sectores con necesidades. O concepto de pobreza debe repensarse en Galicia porque temos un problema novo, a entrada de inmigrantes. Estas persoas chegan espidas de todo, de fala, de legalidade, de roupa, de comida. Aínda que se trate dunha situación transitoria, a esa xente nós temos que darlle de todo. A pobreza deles é absoluta; o inmigrante chega aquí moi desprotexido, sen nada.
-¿Saen adiante?
-O que aguanta vence. A maioría si logran saír adiante.
-¿Entre a poboación local non hai penalidades?
-Dende logo que si, pero é unha situación distinta. Trátase de dificultades para chegar a fin de mes. Non sabemos que incidencia terá a subida dos préstamos hipotecarios se haberá outro tipo de dificultades para algunha xente
-¿Por que Ribeira non ten Cruz Vermella Xuventude?
-Estamos en trámites de constituíla. A finais de maio fun a unha acampada cuns rapaces a Oleiros. Hai que facer campañas de captación e de solidariedade. O problema que hai en Ribeira é que non existe tradición e lanzar un programa deste tipo é custoso no tempo. Sen embargo, temos mozos que están dispostos a ser voluntarios. A xente nova é solidaria e responde.
-Os mozos tamén están moi necesitados.
-Si que o están, pero en Ribeira non abarcamos máis. Para levar a cabo os programas de prevención que ten a Cruz Vermella e outras actividades precisamos un local axeitado. Temos o compromiso de ter unhas instalacións máis amplas. É unha promesa en firme, pero depende de moitos condicionantes. Ademais, para efectuar estas actuacións precisamos un técnico, unha persoa liberada. Salvo na lancha, o resto das campañas as fan os voluntarios. Fannos falla recursos e precisamos todo o apoio para levar a cabo novas iniciativas. De feito, agora traballamos nun plan director para facer un estudio das necesidades en planificar actuacións.