A parroquia e a aldea de Isorna están ubicadas ao leste de Rianxo, entre Dodro e o río Ulla. Teñen un nome tan singular, que non se rexistra en ningún outro punto xeográfico da nosa terra, nin garda evocadoras similitudes con outros alleos. A zona ten pasado prerromano, como demostra a existencia de dúas mámoas próximas: a de Vacariza e a de Cuncha Vieira. Pero tamén ten pasado castrexo (Castro das Cercas), e os diversos dragados do Ulla falan do comercio cos fenicios, de obxectos do Bronce e do Ferro, e de elementos da romanización (a per loca marítima pasaba por Isorna). A súa etimoloxía, pois, podería estar relacionada cunha raíz céltica ou xermánica *is- xeo ou *isan- ferro , con valor xenérico de brillante , como lles ocorre aos antropónimos como Isilo, Iseo (testemuñados en Galicia), ou Isarnus (en Cataluña). Isorna é, en todo caso, un apelido de certa sona, hoxe espallado por diversas provincias, e mesmo, alén do océano, presente na historia de cidades como Ushuaia, en Terra do Fogo, segundo o Museo del Fin del Mundo.