Reportaxe | Exhibición de propostas alternativas Durante algo máis de hora e media exhibíronse traballos audiovisuais de artistas boirenses e actuou un grupo musical
12 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.? do pasado mércores foi unha noite que non esquecerán facilmente os promotores do proxecto cultural Leñaverde e os artistas implicados no mesmo. Todos eles deron o salto de calidade que lles facía falta ao exhibírense os seus traballos nun dos templos galegos que máis comulgan co espírito vangardista: a Sala Nasa, que dirixe Xesús Ron e pola que durante os seus quince anos de funcionamento pasaron algúns dos grupos e artistas galegos máis consagrados. As máis de 200 persoas que presenciaron as propostas de Leñaverde sorprendéronse coa presentación que fixo o dúo Maruxa e Katuxa -Rosi Barcala e Marta Ríos- ao xeito de Kay Rush no programa Nosolomúsica. Desta volta, a proposta que daban a coñecer denominábase Nosolotunning, para descubrir a cultura contemporánea que se fai desde Barbanza. Coa súa graza e facundia encantaron ao respectable. Logo chegou a estrea da proxección curtametraxe Promesa en Santiago, un traballo de animación obra de Fernando Cortizo e Artefacto Produccións, producida polo Concello de Boiro, e que está nominado aos premios Mestre Mateo 2007. Esta película foi moi ben recibida e a historia dun capitán que no seu derradeiro día de vida, a piques de rematar a viaxe estelar, lembra que fixo unha promesa, xa empeza a ter admiradores e non sorprendería que o talento deste artista colleitase o galardón ao que aspira. Vídeo-lectura Tampouco defraudou o recital poético das rapazas Charo López e Iria Gestoso, integrantes do colectivo nova Barbantia. Mentres lían os versos de creación propia, na pantalla colocada tras elas proxectouse a curtametraxe de animación O Boiro, tamén de Cortizo, na que se trata o urbanismo salvaxe. O contido das poesías fixo referencia ao mesmo tema, agás un lido por Iria no que fai referencia aos soños dunha persoa que se esvaecen ao atoparse coa triste realidade. O pinchadiscos Kutika -David Costas- púxolle música á videoproxección do colectivo artístico coruñés La Llave, especializado en arte de rúa, e no que participan varios colaboradores de Leñaverde. Emitíronse algún dos traballos audiovisuais desta xente, así como unha selección da galería de artistas, que arrancaron máis dun aplauso dos asistentes. O mesmo sucedeu co concerto que ofreceu o grupo Triángulo de amor bizarro, integrado por Isabel Cea (baixista, teclados e voces), Julián Ulpiano (batería) e Rodrigo Caamaño (cantante e guitarrista), co seu estilo próximo ao movemento indie rock. Tras esta exitosa exhibición en Santiago, regresaron para seguir traballando en novas propostas que ofrecer noutros espazos culturais.