Entrevista | Fernando Docampo Abeijón Este mozo de 24 anos, cunha ampla traxectoria artística, representa á zona noiesa no concurso da TVG
01 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Na segunda gala que a TVG emitirá mañá pola noite do programa Son de Estrelas , que produce Voz Audiovisual, o representante da comarca noiesa, Fernando Docampo Abeijón, loitará por quedar entre os catro seleccionados que pasarán á seguinte fase deste orixinal concurso. Natural de Noia e con só 24 anos de idade, este profesor de música especializado en violín conta cunha longa traxectoria artística ás súas costas. -Imparto clases de gaita e percusión no Liceo de Noia, formo parte do cuarteto de cámara Saiva Nova, son solista da coral polifónica da miña vila, toco coa Orquestra Sinfónica de Melide e estiven dous anos de músico co Ballet Rey de Viana, entre outras actividades. -¿A que idade comezou a sentir paixón polo universo da música? -Aos cinco anos ingresei na coral infantil do Liceo de Noia, con Domingo Barreiros á fronte, e con el me formei. De feito, foi el quen lle dixo á miña nai que tiña cualidades para a música e me matriculei no conservatorio, na especialidade de violín. Sempre me entusiasmou cantar e me gustaba imitar a Nino Bravo. Meu avó estivo en orquestras como a Veracruz e a París. Eu tiña pensado facer Veterinaria, pero ao final ingresei no conservatorio da Coruña. -¿Por que se decidiu a probar sorte no concurso musical da TVG? -Presenteime porque me gusta cantar. Para min é unha experiencia máis, chegue a onde chegue. Profesionalmente, é unha oportunidade única de facer algo co que aprendo e co que me sinto ben. -¿Que supón para vostede o feito de representar a toda unha bisbarra? -Quero deixar á miña comarca nun bo lugar. Non teño ningún tipo de presión, pero si certo medo a facelo mal e a que haxa xente que diga que outros o poderían ter feito mellor ca min. O que si me gustaría pedirlle aos veciños da zona é que vexan o programa e me apoien porque é unha oportunidade interesante. -¿Vese con posibilidades de chegar á final? -Vai depender moito da evolución do programa e das cancións que me toque interpretar. Nunca me vin subido a un escenario nunha experiencia deste tipo, na que hai unha conexión tan directa co público; de momento, prodúceme unha sensación estraña.