Reportaxe | Iniciativa medioambiental Con manobras tan sinxelas como abrir persianas e eliminar luces, o centro de Frións rebaixou un 12% o consumo eléctrico
26 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Baixar o consumo de enerxía nun centro educativo ao que acoden centos de mozos non é tan complicado nin custoso como nun principio podería parecer. É cuestión só de pórse ao choio. Se non que llo pregunten aos docentes e alumnos do Instituto de Educación Secundaria Leliadoura de Ribeira, que conseguiron en catro anos reducir nun 12% o gasto eléctrico. Xosé Luís Groveiro, que é o profesor do centro que coordina dito plan, explicou que pasaron de consumir de forma anual 124.957 quilovatios por hora no 2003 a 109.890 durante o pasado ano. Todos estes números traducidos en diñeiro significan un aforro económico de 770 euros. O máis novo da iniciativa do IES Leliadoura é que a posta en marcha do programa de aforro de enerxía supúxolles un custo cero, pero si moitas vantaxes. Luz natural O primeiro que fixeron os ribeirenses foi fomentar un maior aproveitamento da luz natural. «Na casa todo ou mundo ten as persianas subidas, sen embargo iso é algo que non sempre ocorre nos institutos, porque son moitas e porque a luz reflexa nos encerados. Iso foi unha das cousas que cambiamos», sinalou Xosé Luís Groveiro. O seguinte paso consistiu na eliminación daquelas luces que, para a comunidade de Frións, son innecesarias. Sobre todo suprimiron aquelas situadas preto das fiestras. A aula de informática, que supón un importante gasto eléctrico, foi outro dos escenarios onde se actuou. «Contrólase moito que non queden prendidas as computadoras», dixo o profesor. Os alumnos e os conserxes teñen como misión vixiar que tanto corredores como as aulas non teñan as luces acesas se non hai actividade no seu interior. Concurso de ideas Nunhas semanas o equipo de docentes que se encarga do plan de aforro enerxético vai celebrar un concurso de lemas e outro de ideas. A intención é, por unha banda, concienciar aos mozos sobre o obxectivo que perseguen desde hai catro anos; e polo outro, fomentar a creatividade dos ribeirenses. Todos os traballos serán expostos no propio centro educativo. Tamén se van colocar polo instituto carteis informativos que recordan aos estudantes a importancia de non deixar acendida unha lámpada. A comunidade educativa do instituto Leliadoura móstrase satisfeita co logro conseguido, un 12% de aforro enerxético. Con todo, o plan non remata aí, e pretenden conseguir unha cifra aínda máis ambiciosa.