Cousas da xente Persoal dunha empresa produtora desprazouse onte á vila natal de Dieste para gravar as impresións dalgúns habitantes maiores de 75 anos de idade
08 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Veciños da vila de Rianxo, entre eles Juan e Carmen Cebreiro , participaron onte na rodaxe dun documental que se emitirá na TVG e que está sendo realizado pola produtora Ibiza Televisión. O director do traballo é Pablo Lorenzo Rodríguez , que pretende reflectir os cambios que houbo na sociedade nos últimos tempos, vistos pola ollada de persoas de máis de 75 anos. O realizador contou co apoio dun equipo integrado por Xoán Escudero , Yeira González , David Melero e Alfonso Parra ; e coa entrevistadora Montse Nieto . A delegada provincial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, Tereixa Novo , estivo hai pouco de visita na vila noiesa. Durante a súa estancia, a responsable da Xunta de Galicia coñeceu de preto o traballo que realizan os cativos que acoden aos obradoiros da asociación de pais do Servizo de Tratamento e Atención a Nenos con Discapacidades (Stand), que preside José Barrio Guldrís . Os pequenos non quixeron que Tereixa Novo se fora coas mans baleiras e por iso lle regalaron un marco para fotos e unha caixa para panos de papel, agasallos elaborados por eles mesmos no centro no que a cotío reciben atención. Unha iniciativa con éxito O departamento de Servizos Sociais de Porto do Son, que dirixe a concelleira Elisa Calo Santiago , vén de organizar e celebrar un curso básico de formación de voluntarios sociais. As clases foron impartidas por Rocío García Castro . A actividade acadou unha resposta estupenda por parte dos veciños, xa que foron 23 as persoas que participaron nas diferentes sesións, maioritariamente xente moza. Proximamente terá lugar a entrega dos diplomas. O restaurante A Cascada de Ribeira volveu a abrir as súas portas ao público e o fixo cunha invitación a todos os clientes. Unhas oitenta persoas déronse cita no local, no que puideron tomar uns pinchos e uns vermús de balde. O xerente do establecemento hostaleiro, Anxo Rodríguez , anuncia que a partir de mañá volverá a haber ceas con baile todos os sábados. A desta fin de semana está dedicada a conmemorar por anticipado o día dos namorados.