LINGUA PROLETARIA | O |
27 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.O DÍA que Xulio descubriu que a arqueoloxía non é cousa de afeccionados, foi hai agora trinta e algún ano, cando na compaña duns amigos visitou o castro de Pastoriza, invadido por toxos e pedras onde malamente se podían imaxinar os restos de ningunha casa ou chabola a non ser coa axuda da imaxinación. Percorreu todo o perímetro, defendido na parte sur por un muro de cascallos como os que se ven cerrando propiedades a monte, e na norte e oeste, por un pronunciado desfiladeiro que cae sobre o mar de Suevos e Punta Langosteira, onde actualmente se está construíndo o novo porto exterior da Coruña, sen que nada do que se vía lle acusase a presenza dun asentamento antigo, se non era polo que as lendas lle facían intuír. Os «entendidos» que o acompañaban, ensináronlle entre os cascallos o que podían ser restos dalgunha cabaniña, pequenos círculos de pedra de non máis dun metro de diámetro, onde, con moita sorte, só cabía un paisano de xeonllos, porque, a dicir daqueles, os de antes durmían moi acurrunchados. E por se aínda dubidaba, no alto do precipicio amosáronlle a proba do importante que no seu día foi aquel castro, pois alí, unha pedra con forma de cadeira era coñecida como o trono do rei suevo Rechiario, o primeiro que se converteu ó catolicismo pola intervención do bispo de Braga; e o daquela aínda imberbe Xulio imaxinouse a aquel monarca como un prerromántico, pois que o trono, de ser tal, non miraba para o pobo que gobernaba, senón para o horizonte mariño, como os pensionistas de Ribeira, Muros ou Cerqueixo cando están no peirao. Crer sen ver Se non fose polos textos de Murguía, da Pardo Bazán ou do catedrático santiagués Lucas Álvarez, que ó ano seguinte sería profesor seu, a Xulio custaríalle moito aceptar que naquel monte algún día se acolleu a casa dun rei. Sentíase como santo Tomás, obrigado a crer sen ver, e presentóuselle o primeiro dilema da súa vida de intelectual versado en letras e filosofía: ¿é ou non é?, esa é a cuestión; pois por moito que os seus acompañantes lle repetisen as lendas unha e outra vez, as formas que se intuían no medio do toxo non lle cadraban co que el coñecía de Santa Tegra e mesmo de Elviña. ¿Que foi daquel castro?. A dúbida forma parte da vida, e ante a dúbida que se supón certeza non queda máis que procurar as probas fidedignas da verdade que outras fontes proclaman por tradición oral. En fin que se a alguén polo menos se lle ocorrese limpar de toxo aquel monte de pedras, agora xa estaríamos falando doutra cousa. Pero de súpeto, Apareceu, contra o lado do mar, preto do suposto trono de Requiario, a proba dun pasado habitado nesta toxeira: uns anacos de louza de barro moi fino e moi cocido, de cor castaño escuro, pequenos anacos que amosaban forma de prato se conseguías xuntalos. Cascallos de louza alí, enriba das pedras e que non dubidou en recoller para levarlle ó seu profesor de instituto coma quen leva o tesouro dun arqueólogo. Xulio dinos que aquel día soubo que a arqueoloxía non é cousa de afeccionados, porque no intre de saír, co novo descubrimento gardado entre algodóns no fondo do seu macuto, dun coche aparcado ó lado do castro, uns tipos saían con cadansúa escopeta de caza, un aparello que semellaba un canón e unha caixa de pratos para practicar tiro. En fin, que do pasado de Pastoriza, Xulio daquela decatouse de que só quedan as lendas. E agora que o pensa, ¿non estará cometendo un pecado de soberbia nas portas do Máis Alá?. ¿E se por iso o botan para abaixo?.