Reportaxe | Feira da camelia en Boiro
09 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.?dentrarse onte na casa de cultura de Boiro era como acceder a un xardín resgardado por catro paredes e un teito. O que habitualmente é unha sala de exposicións atopábase transformado no paraíso dunha das flores máis emblemáticas de Galicia: a camelia. O aroma que impregnaba o ambiente e a explosión de colorido sorprendeu gratamente a moitas das persoas que se achegaron ata o parque da Cachada. Entre os que pasaron durante a xornada de onte pola terceira edición da exposición da camelia atopábase unha delegación integrada por medio cento de asturianos, que montaron o seu posto de flores, e sete persoas procedentes do veciño Portugal. Dando a coñecer as súas camelias máis prezadas estaban tamén 25 cultivadores chegados de diversos puntos de Galicia, moitos deles dos municipios de Ribeira, A Pobra e Boiro. De feito, o Concello boirense quixo sumarse á iniciativa e amosou algunhas das especies que engalanan as zonas axardinadas da vila. Aínda que a organización estaba máis que satisfeita cos resultados obtidos na xornada inaugural, tanto polo nivel de expositores como de visitantes, o promotor desta feira, José Ramón Teixeira, recoñeceu que a calidade das flores é sensiblemente inferior á da pasada edición: «O mal tempo rexistrado na zona durante os últimos días fixo que non tiveramos camelias de alto nivel, pero aínda así, as que hai son dignas de ver, porque tendo en conta a intensa chuvia contamos con exemplares moi bos». A camelia sansaqua é a gran protagonista da exposición, na que tamén poden verse diferentes variedades doutra especie moi común na comarca barbancesa, a xapónica . Os afeccionados ao mundo da xardinería que aínda non se achegaron á Cachada poden facelo hoxe, xa que a exposición non se pechará ata as oito do serán. A organización confía en rexistrar unha cifra de visitantes similar á do ano pasado, cando contemplaron as camelias unhas tres mil persoas. Esta avultada cifra de asistentes converte a exposición nun reclamo turístico moi importante para a tempada invernal, aínda que a organización da feira quéixase de non contar coa colaboración suficiente. José Ramón Teixeira comentou que só o Concello de boiro apoiou economicamente a iniciativa.