Dous intereses

| MONCHO ARES |

BARBANZA

NO CASO da ampliación do polígono da Pobra chocan dous intereses: o das persoas que residen nas proximidades, que non queren sufrir máis molestias, e o das empresas que están alí instaladas, que desexan seguir medrando. Cústame crer que cando o Estado, a través da Sepes, promoveu esta instalación non tivera en conta a futura expansión das firmas usuarias, e non lembro que, cando se anunciaron e incluso se fixeron as obras, houbera protestas. Polo tanto, xa que, aparentemente foi un fallo da Administración, que non tivo en conta a uns veciños que non se queixaron, compete a esta buscar solucións, e, do mesmo xeito que non é lóxico poñer portas ao monte, non ten sentido anunciar que o parque non vai medrar máis porque, indirectamente, estase condenando ás compañías á súa estrangulación. O curioso é que a xestión fíxoa o partido que agora rexeita a ampliación.