DOCUMENTACIÓN
21 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A Axenda 21 é un plan de acción que persegue acadar o desenvolvemento sostible no século XXI. Este programa foi subscrito por 173 gobernos na conferencia das Nacións Unidas sobre medio ambiente que se celebrou en Río de Janeiro no ano 1992. Este programa persegue a posta en marcha dun plan de acción con criterios de sostibilidade, é dicir, conseguir que o desenvolvemento satisfaga as necesidades da cidadanía actual sen comprometer a capacidade das xeracións futuras para satisfacer as súas. Implantación A mancomunidade Arousa Norte puxo en marcha no 2004 o proceso de implantación da Axenda 21 mediante a realización dunha auditoría de sostibilidade. Contou coa colaboración externa dun equipo técnico asesor, conformado por profesionais das empresas Eptisa e Cidadanía, e o apoio da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible. Orzamento A posta en marcha da Axenda 21 supuxo un investimento de 60.000 euros, financiados no marco do plan de dinamización turística e coa axuda da Consellería de Medio Ambiente. Pioneira Co inicio deste proceso, a mancomunidade barbancesa sitúase no grupo de cabeza das entidades locais galegas que teñen dado os primeiros pasos para a implantación da Axenda 21, marcando un camiño que necesariamente terán que seguir o resto de institucións no futuro. Á hora de desenvolver este programa, a comarca é considerada como un ecosistema único, co fin de establecer políticas integradas comúns a todos os municipios, que permitan actuar en materia medioambiental, económica e social. A implantación da Axenda 21 é un proceso que non remata nunca. Ademais de tratar de resolver os problemas que se detecten, a finalidade do programa é adaptar todos os proxectos que se executen no futuro a criterios de sostibilidade.