Homenaxe a un traballador exemplar

La Voz

BARBANZA

HEVIA

Cousas da xente A xubilación dun operario serviu de escusa a unha empresa de transportes para realizar unha comida de despedida

17 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O xerente da empresa Transportes Casais, Valentín Alfonsín Somoza , entregou unha placa de homenaxe ao seu tío Ricardo Somoza González , que se xubilou despois de traballar nada menos que 49 anos como condutor e mecánico desta firma. Este exemplar operario, que iniciou a súa andaina laboral con 14 anos de idade, recibiu unha sorpresa inesperada coa cea que compartiu cos seus amigos e compañeiros no restaurante Isolina de Taragoña. Entre os produtos degustados non faltaron mariscos, como cigalas, lumbrigante e ameixas, aínda que o máis importante non foi o menú, senón a compañía. Lembrar divertíndose Máis de trinta persoas participan no taller da memoria, organizado polo departamento de Servizos Sociais do Concello de Mazaricos. De realizar as actividades encárganse Vanessa Cambeiro e Begoña Rial , educadora familiar e psicóloga, respectivamente. As clases impártense en Colúns e A Picota, aínda que os promotores da iniciativa agardan poder trasladalas a outras poboacións debido á enorme aceptación que tiveron. Os asistentes, na súa meirande parte persoas da terceira idade, poñen en práctica diversas técnicas de estimulación sensorial. Procesión de gala Os veciños de Leiro celebraron as festas patronais cunha procesión na honra de Santa Bárbara é da Virxe do Carme. A imaxe desta última foi levada a ombros por Juan Manuel Varela , Óscar García , Ramón Rodríguez e Manuel Rubio . Todos eles ían vestidos co traxe de gala da Armada. O percorrido tivo lugar tras a celebración da misa solemne e, posteriormente, houbo un concerto a cargo da banda de música Las Delicias de Caeiro de Cabral, dirixida por Jesús Bugarín . Da organización dos festexos encargouse a comisión presidida por Javier Alcalde García . A ONG Intermón-Oxfam, representada na zona por Marta Sopeña , promove, nos locais do Liceo Marítimo de Ribeira, a realización dunha charla, seguida dun coloquio, a cargo de Vítor Barbosa , presidente da Asociación Angoleña para a Educación de Adultos. O acto, que está aberto a todos os públicos, terá lugar este domingo ás seis e media da tarde. O poñente dará a coñecer a actividade que se leva a cabo neste país do suroeste de África. O especialista, cunha ampla traxectoria, acude a Ribeira nun marco de charlas que dará por outras catro cidades galegas, como é o caso de A Coruña, Ferrol, Vigo e Santiago.