O paraíso parcelado

Xulio Gutiérrez Roger

BARBANZA

PRAIA DE BARRAÑA

28 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Entre esta imaxe da praia de Barraña, tomada a mediados dos anos cincuenta, e o aspecto que presenta na actualidade media un abismo en termos de transformación da paisaxe. Unha transformación semellante á de tantos outros lugares da nosa xeografía. Cada xeración herda dos seus maiores unha paisaxe e lega aos seus fillos outra ben distinta. Salvo casos moi contados de urbanización de territorios virxes, cada xeración encóntrase na tesitura de vivir nun espazo construído por persoas doutros tempos, e polo tanto organizado baixo un criterio diferente debido a outras necesidades, outras posibilidades técnicas e económicas, outros modos de relación, outros anceios e outras visións de futuro. Todo elo nunhas circunstancias políticas, económicas e sociais que imprimen un carácter peculiar á apropiación do territorio e á organización dos espazos onde se debe desenvolver a súa vida. A paisaxe é un fotograma dunha película que transcorre ao longo de centos de anos e que acumula as pegadas dos nosos devanceiros. Cada un dos seus elementos construídos é o resultado dunha decisión tomada nun preciso momento histórico. O resultado actual corresponde á amalgama de sucesivas decisións. É lóxico que cada xeración se sinta insatisfeita co legado recibido e aspire a mellorar, a progresar e a proxectar a súa visión de futuro, pero se non actúa con intelixencia, tamén está condenada a repetir moitos dos erros nos que incorreron as anteriores. Non podemos, nin debemos, tratar de adiviñar como quererán os nosos fillos recibir a paisaxe que lles legaremos. Debemos xogar cos naipes que a historia pon nas nosas mans pero podemos evitar tomar decisións irreparables para as futuras xeracións. O Barbanza é unha terra dunha extraordinaria beleza natural dotada de espléndidos elementos naturais: esgrevios cumes rochosos, chans inzados de mámoas prehistóricas, fervenzas modeladas por ríos alegres e vigorosos, lagoas costeiras riquísimas en bulideira avifauna e longas praias de brancas areas. Pois ben. Ningún destes elementos que hoxe constitúen algúns dos grandes atractivos turísticos da comarca eran valorados hai cincuenta anos. E moitos deles foron sistematicamente destruídos. Tres exemplos no litoral: 1. Os humidais costeiros eran considerados lugares insalubres e moitos foron drenados e urbanizados. 2. As dunas eran consideradas improdutivas polo que a area era extraída como árido de construción e se fixaban con plantacións de piñeiros. 3. As praias de coidos (praias de cantos rodados) eran -e por algúns aínda son- considerados lugares impracticables para o baño e son sepultadas por recheos de area ou formigón. A destrución irreversible dos seus elementos naturais máis senlleiros pon en perigo a identidade do Barbanza como territorio. As malas decisións individuais -públicas e privadas- degradan o paraíso común. A paisaxe é de todos. A paisaxe é construída por todos. Sen embargo esquecemos a conservación do paraíso común e tratamos de construír cativos paraísos individuais tras altos muros e sistemas de seguridade. ¿Acaso os poucos metros cadrados do xardín dun chalé encostado compensan isto?.