Entre «O Xurelo» e o «Prestige»

Manuel Monge

BARBANZA

Crónica | Vodas de prata dunha épica singradura O 14 de setembro de 1981, o palangreiro de Ribeira saíu rumbo á fosa Atlántica, con políticos, ecoloxistas e xornalistas, para impedir o depósito de residuos radioactivos

21 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

CHEGADA TRIUNFAL (1981). Os integrantes da primeira travesía chegaron de volta a Ribeira cinco días despois. A súa decidida aposta pola defensa ecolóxica de Galicia non foi de balde porque conseguiron que a fosa atlántica deixara de ser o vertedoiro nuclear dos países europeos. UN SÍMBOLO AFUNDIDO (2002). O Xurelo apareceu afundido en Ribeira a finais de decembro do 2002. O barco, xa propiedade doutro armador, foi reflotado, pero aquel percance foi tomado por moitos como o símbolo da fin dunha travesía simbólica cando Galicia pelexaba contra a marea negra do Prestige. O Xurelo era un palangreiro de Ribeira que xogou un importante papel en 1981 no espertar da conciencia ecolóxica de Galiza e na paralización de vertidos nucleares no mar. Desde 1966 Bélxica, Holanda, Suíza e Gran Bretaña tiñan depositado máis de 85.000 toneladas na fosa atlántica. O colectivo ecoloxista Natureza avisaba do seu perigo: «Os residuos radioactivos bótanse en bidóns, dispersos nunha masa de formigón, cunha duración limitada, pois as enormes presións ás que están sometidos e os efectos erosivos vannos destruíndo en poucos anos. Comprobacións feitas en antigos cemiterios atómicos por EE.?UU. e filmadas tamén por Cousteau, verificaron que a súa duración foi moito menor da esperada. Desta maneira, máis cedo ou máis tarde, a radioactividade libérase dos recipientes que a conteñen e contamina o océano». A historia do noso país está chea de mobilizacións cívicas en defensa do medio ambiente. O próximo 10 de abril cumprirase o trinta aniversario da marcha contra a instalación en Xove dunha central nuclear, na que participaron 8.000 persoas, que conseguiu parar este proxecto. O «Prestige» E que dicir das impoñentes mobilizacións con motivo da catástrofe do Prestige. O comportamento heroico da xente do mar impediu que a marea negra entrase na ría de Arousa. Quero lembrar tamén a concentración de 40.000 mozos e mozas de centros de ensino de toda Galiza, desprazados ata a Costa da Morte en mil autobuses, coa corresponde autorización asinada polos seus pais. Nesa mocidade está, sen dúbida, o futuro e o orgullo de Galiza; recibiron alí a mellor das leccións sobre a defensa do medio ambiente. No Xurelo -que saía ás 12.12 horas do luns 14 de setembro do peirao de Colón, no porto de Ribeira- embarcaron, ademais do patrón Ángel Vila Queiruga e catro mariñeiros, concelleiros de Esquerda Galega, que foi o partido que organizou a expedición, ecoloxistas e xornalistas. Foron ao encontro dos barcos holandeses Louisen Smits e Kirsten Smits , que levaban 6.800 toneladas de residuos nucleares, para impedir que os tirasen ao mar na chamada fosa atlántica, a 340 millas de Fisterra. Comunicado dende o mar Xa en alta mar difundiron un comunicado, que explicaba o sentido da protesta: «Camiñamos cara ao lugar da agresión a protestar, a pór de manifesto o noso máis rotundo non á contaminación e á morte. Queremos alertar a todos, avisar a berros que están a emporcar o noso hoxe e a matar o futuro. Queremos facer medrar a protesta ata que lles sexa imposíbel seguir xogando coa vida. Queremos compartir a defensa da saúde e da vida de toda a humanidade. Queremos que, cada vez máis, Galicia se faga oír no seu rexeitamento de toda agresión e na súa aposta polo benestar e a paz. Pola saúde e a vida do pobo galego; pola saúde e a vida de todos os pobos, sedentos de paz». Houbo numerosos pronunciamentos e chamadas á mobilización. Así, o concello da Coruña facía público un bando que dicía: «A historia da Coruña está vencellada ao mar. O océano foi e é para a nosa cidade unha fonte de vida e un horizonte de comunicación. O mar é para nós un signo de prosperidade e tamén de identidade. Non podemos permanecer impasíbeis cando se está a converter unha parte próxima deste Atlántico, xerador de vida e de riqueza, nun cemiterio nuclear». (Manuel Monge é sociólogo e concelleiro na Coruña polo BNG. Foi mestre en Aguiño de 1988 a 1991 e participou na organización e nas viaxes á fosa atlántica).