LINGUA PROLETARIA | O |
08 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A XULIO, cincuentón de traxe e gravata, profesor de instituto e pai de dúas mozas en idade de abrir novos horizontes, sacárono no periódico. Empezou a desconfiar cando, ó cruzarse na rúa cun veciño con quen nunca foi máis aló do saúdo ou do comentario sobre o tempo, este parouse, estreitoulle a man e aseguroulle que contaba coa súa solidariedade, que así se debía facer, que hai que saber dar a cara, que o seu é valentía e o demais son contos. Non soubo que dicirlle, porque non sabía de que lle falaba, pero ese mesmo día, outro veciño, viroulle a cara cando el o ía saudar, e uns pasos máis adiante escoitoulle algo sobre os maricóns que non quixo entender. Entre os compañeiros do claustro de profesores, uns fálanlle con medias palabras, algún fai chistes obscenos buscando a súa complicidade e outros danlle unhas palmadiñas, que non sabe dicir se son como as de cando se dá o pésame ou de cando saes dunha operación a corazón aberto e che din que agora hai que agardar, e que sexa o que Deus queira. Os veciños, os seus alumnos, os amigos e as amigas non falan doutra cousa: o Xulio fotografado entre bandeirolas de cor o día do orgullo gai. ¡Quen nolo ía dicir!. Soubo o porqué daquel comportamento errático dos seus coñecidos, cando a muller lle puxo diante dos ollos o periódico: xa me dirás que significa isto; e el incrédulo, non sabe se rir ou chorar ou desaparecer; pois Xulio, que non é ningún retrógrado nin cousa que se lle pareza, agora vese obrigado a demostrarlle a un fato de desconfiados que el non é gai, a pesar de que non ten nada contra eles, que só se cruzou cunha manifestación no xusto intre en que un reporteiro oportunista, diante da morbosidade que prometía a foto dun señor de barba e traxe gris rodeado de drag queens , disparaba a súa cámara. E mentres anda desmentindo o que a foto parece asegurar, que as fotos non sempre contan a verdade, tamén recoñece que o tal asunto valeulle para decatarse de que a homosexualidade segue sendo unha materia pendente. As imaxes estereotipadas dan unha visión deformada da realidade. Igual ca na vida cotián.